176

Unha única receita: santidade persoal

O mellor camiño para non perder nunca a audacia apostólica, as fames eficaces de servir a todos os homes, non é outro que a plenitude da vida de fe, de esperanza e de amor; nunha palabra: santidade. Non atopo outra receita máis ca esa: santidade persoal.

Hoxe, en unión con toda a Igrexa, celebramos o triunfo da Nai, Filla e Esposa de Deus. E como nos gozabamos no tempo da Pascua de Resurrección do Señor aos tres días da súa morte, agora sentímonos alegres porque María, despois de acompañar a Xesús desde Belén ata a Cruz, está onda El en corpo e alma, gozando da gloria por toda a eternidade. Esta é a misteriosa economía divina: a Nosa Señora, feita partícipe de modo pleno da obra da nosa salvación, tiña que seguir de preto os pasos do seu Fillo: a pobreza de Belén, a vida oculta de traballo ordinario en Nazaret, a manifestación da divindade en Caná de Galilea, as aldraxes da Paixón e o Sacrificio divino da Cruz, a benaventuranza eterna do Paraíso.

Todo isto aféctanos directamente, porque ese itinerario sobrenatural ha de ser tamén o noso camiño. María móstranos que esa senda é doada de facer, que é segura. Ela precedeunos pola vía da imitación de Cristo, e a glorificación da Nosa Nai é a firme esperanza da nosa propia salvación; por iso chamámola spes nostra e causa nostrae laetitiae, a nosa esperanza e causa da nosa felicidade.

Non podemos abandonar nunca a confianza de chegar a ser santos, de aceptar as invitacións de Deus, de ser perseverantes ata o final. Deus que comezou en nós a obra da santificación, levaraa a cabo23. Porque se o Señor está connosco, quen contra nós? El, que non perdoou nin o seu propio Fillo, senón que o entregou á morte por todos nós, como despois de ternos dado o seu Fillo, deixará de darnos calquera outra cousa? 24.

Nesta festa todo convida á ledicia. A firme esperanza na nosa santificación persoal é un don de Deus; mais o home non pode permanecer pasivo. Lembrade as palabras de Cristo: se alguén quere vir tras de min, néguese a si mesmo, leve a súa cruz de cada día e sígame25. Védelo? A cruz cada día. Nulla die sine cruce!, ningún día sen cruz: ningunha xornada, na que non carguemos coa cruz do Señor, na que non aceptemos o seu xugo. Por iso, non quixen tampouco deixar de lembrarvos que a ledicia da resurrección é consecuencia da dor da cruz.

Non temades, así e todo, porque o mesmo Señor nos dixo: vinde a min todos os que andades agoniados polos traballos, que eu vos aliviarei. Tomade o meu xugo sobre vós e aprendede de min que son manso e humilde de corazón, e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadío e a miña carga lixeira26. «Vinde —glosa san Xoán Crisóstomo—, non para render contas, senón para ser liberados dos vosos pecados; vinde, porque eu non teño necesidade da gloria que me poidades dar: teño nece-sidade da vosa salvación... Non temades ao escoitar falar de xugo, porque é levadío; non temades se falo de carga, porque é lixeira» 27.

O camiño da nosa santificación persoal pasa, decotío, pola Cruz, non é desgraciado ese camiño, porque Cristo mesmo nos axuda e con El non cabe a tristeza. In laetitia, nulla dies sine cruce!, gústame repetir, coa alma traspasada de ledicia, ningún día sen Cruz.

Notas
23

Cfr. Phil I, 6.

24

Rom VIII, 31-32.

25

Lc IX, 23.

26

Mt XI, 28-30.

27

San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 37, 2 (PG 57, 414).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma