177
A ledicia cristiá
Recuperemos de novo o tema que nos propón a Igrexa: María subiu aos ceos en corpo e alma, os anxos alborózanse! Penso tamén no xúbilo de san Xosé, o seu Esposo castísimo, que a agarda no paraíso. Mais volvamos á terra. A fe confírmanos que aquí abaixo, na vida presente, estamos en tempo de peregrinación, de viaxe; non faltan os sacrificios, a dor, as privacións. Malia todo, a ledicia ten que ser sempre o contrapunto do camiño.
Servide ao Señor con ledicia28: non hai outro xeito de servilo. Deus ama ao que dá con ledicia29, ao que se entrega por enteiro nun sacrificio gustoso, porque non existe motivo ningún que xustifique o desconsolo.
Quizais estimaredes que este optimismo parece excesivo, porque todos os homes coñecen as súas insuficiencias e os seus fracasos, experimentan o sufrimento, o cansazo, a ingratitu-de, quizais o odio. Os cristiáns se somos iguais aos demais, como podemos estar exentos desas constantes da condición humana?
Sería inxenuo negar a reiterada presenza da dor e do desánimo, da tristeza e da soidade, durante a nosa peregrinación neste chan. Pola fe aprendemos con seguridade que todo iso non é produto do acaso, que o destino da criatura non é camiñar cara á aniquilación dos seus desexos de felicidade. A fe ensínanos que todo ten un sentido divino, porque é propio da entraña mesma da chamada que nos leva á casa do Pai. Non simplifica, este entendemento sobrenatural da existencia terrea do cristián, a complexidade humana; mais asegúralle ao home que esa complexidade pode estar atravesada polo nervio do amor de Deus, polo cable, forte e indestrutible, que enlaza a vida na terra coa vida definitiva na Patria.
A festa da Asunción da Nosa Señora proponnos a realidade desa esperanza gozosa. Somos aínda peregrinos, pero a Nosa Señora precedeunos e sinálanos xa o remate do vieiro: repítenos que é posible chegar e que, se somos fieis, chegaremos. Porque a Santísima Virxe non é só o noso exemplo: é auxilio dos cristiáns. E ante a nosa petición —Mostra te esse Matrem30—, non sabe nin se quere negar a coidar dos seus fillos con solicitude maternal.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/177/ (14-12-2025)