179

Remata o ano litúrxico, e no Santo Sacrificio do Altar renovámoslle ao Pai o ofrecemento da Vítima, Cristo, Rei de santidade e de graza, Rei de xustiza, de amor e de paz, como leremos dentro de pouco no Prefacio1. Todos percibides na vosa alma unha ledicia inmensa, ao considerar a santa Humanidade do Noso Señor: un Rei con corazón de carne, coma o noso; que é o autor do universo e de cada unha das criaturas, e que non se impón dominando. Mendiga un pouco de amor, mostrándonos, en silencio, as súas mans chagadas.

Por que, entón, tantos o ignoran? Por que se escoita aínda esa protesta cruel: nolumus hunc regnare super nos2, non queremos que este reine sobre nós? Na terra hai millóns de homes que se encaran dese xeito con Xesucristo ou, mellor dito, coa sombra de Xesucristo, porque a Cristo non o coñecen, nin viron a beleza do seu rostro, nin saben a marabilla da súa doutrina.

Ante ese triste espectáculo, síntome inclinado a desagraviar o Señor. Ao escoitar ese clamor que non cesa e que, máis que de voces, está feito de obras pouco nobres, experimento a necesidade de berrar alto: oportet illum regnare! 3, cómpre que El reine.

Oposición a Cristo

Moitos non soportan que Cristo reine; opóñense a El de mil formas: nos deseños xerais do mundo e na convivencia humana, nos costumes, na ciencia, na arte. Ata na mesma vida da Igrexa! Eu non falo —escribe santo Agostiño— dos malvados que blasfeman de Cristo. Son raros, en efecto, os que blasfeman coa lingua, mais son moitos os que blasfeman coa propiaconduta4.

A algúns moléstalles incluso a expresión Cristo Rei: por unha superficial cuestión de palabras, coma se o reinado de Cristo puidese confundirse con fórmulas políticas; ou porque, a confesión da realeza do Señor, levaríalles a admitir unha lei. E non toleran a lei, nin sequera a do precepto entrañable da caridade, porque non se desexan aproximar ao amor de Deus: ambicionan só servir ao propio egoísmo.

O Señor empurroume a repetir, desde hai moito tempo, un grito calado: serviam!, servirei. Que El nos aumente eses afáns de entrega, de fidelidade a súa divina chamada —con naturalidade, sen aparato, sen ruído—, no medio da rúa. Démoslle grazas desde o fondo do corazón. Dirixámoslle unha oración de súbditos, de fillos!, e a lingua e o padal encherásenos de leite e de mel, saberanos a panal tratar do Reino de Deus, que é un Reino de liberdade, da liberdade que El nos gañou5.

Notas
1

... regnum sanctitatis et gratiae, regnum iustitiae, amoris et pacis (Prefacio da Misa).

2

Lc XIX, 14.

3

1 Cor XV, 25.

4

Santo Agostiño, In Ioannis Evangelium tractatus, 27, 11 (PL 35, 1621).

5

Cfr. Gal IV, 31.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma