18
Cando chega o Nadal, gústame contemplar as imaxes do Neno Xesús. Esas figuras que nos mostran o Señor que se anonada, lémbranme que Deus nos chama, que o Omnipotente se quixo presentar desvalido, que quixo necesitar dos homes. Desde o berce en Belén, Cristo dime a min e diche a ti que nos necesita, úrxenos a unha vida cristiá sen componendas, unha vida de entrega, de traballo, de alegría.
Non acadaremos xamais o verdadeiro bo humor, se non imitamos de verdade a Xesús; se non somos, coma El, humildes. Insistirei de novo: vistes onde se agocha a grandeza de Deus? Nunha manxadoira, nuns cueiros, nunha cova. A eficacia redentora das nosas vidas nada máis pode actuar con humildade, deixando de pensar en nós mesmos e sentindo a responsabilidade de axudar os demais.
Ás veces é corrente, incluso entre almas boas, provocarse conflitos persoais, que chegan a producir serias preocupacións, malia que carecen de base obxectiva ningunha. A súa orixe radica na falta de propio coñecemento, que conduce á soberbia: o desexar de converterse no centro da atención e da estimanza de todos, a inclinación a non quedar mal, o non se resignar a facer o ben e desaparecer, o afán de seguridade persoal. E así moitas almas que poderían gozar dunha paz marabillosa, que poderían gustar dun xúbilo inmenso, por orgullo e presunción transfórmanse en desgraciadas e infecundas.
Cristo foi humilde de corazón18. Ao longo da súa vida non quixo para El ningunha cousa especial, ningún privilexio. Co meza estando no seo da súa Nai nove meses como todo home, cunha naturalidade extrema. Dabondo sabía o Señor que a humanidade padecía unha apremada necesidade del. Tiña, por iso, fame de vir á terra para salvar a todas as almas, e non precipita o tempo. Veu á súa hora, como chegan ao mundo os demais homes. Desde a concepción ata o nacemento, ninguén —salvo san Xosé e santa Sabela— advirten esa marabilla: Deus que vén habitar entre os homes.
O Nadal está arrodeado tamén de sinxeleza admirable: o Señor vén sen fachenda, descoñecido de todos. Na terra só María e Xosé participan na aventura divina. E logo aqueles pastores, aos que avisan os anxos. E máis tarde aqueles sabios de Oriente. Así se verifica o feito transcendental, co que se unen o ceo e a terra, Deus e o home.
Como é posible tanta dureza de corazón, que fai que nos afagamos a estas escenas? Deus humíllase para que nos poidamos achegar a El, para que poidamos corresponder ao seu amor co noso amor, para que a nosa liberdade se renda non só perante o espectáculo do seu poder, senón ante a marabilla da súa humildade.
Grandeza dun Neno que é Deus: o seu Pai é o Deus que fixo os ceos e a terra, e El está aí, nunha manxadoira, quia non erat eis locus in diversorio19, porque non había outro sitio na terra para o amo de todo o creado.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/18/ (14-12-2025)