180
Cristo, Señor do mundo
Quixera que considerásemos como ese Cristo, que —Neno amable— vimos nacer en Belén, é o Señor do mundo: pois por El foron creados todos os seres nos ceos e na terra; El reconciliou co Pai todas as cousas, restablecendo a paz entre o ceo e a terra, por medio do sangue que verteu na cruz6. Hoxe Cristo reina, á dereita do Pai, decláranlles aqueles anxos de brancas vestiduras aos discípulos que estaban abraiados contemplando as nubes, despois da Ascensión do Señor: homes de Galilea por que estades aí mirando ao ceo? Este Xesús, que afastándose de vós subiu ao ceo, virá do mesmo xeito que o acabades de ver subir7.
Por El reinan os reis8, coa diferenza de que os reis, as autoridades humanas, pasan; e o reino de Cristo permanecerá por toda a eternidade9, o seu reino é un reino eterno e a súa dominación perdura de xeración en xeración10.
O reino de Cristo non é un modo de dicir, nin unha imaxe retórica. Cristo vive, tamén como home, con aquel mesmo corpo que asumiu na Encarnación, que resucitou despois da Cruz e subsiste glorificado na Persoa do Verbo xuntamente coa súa alma humana. Cristo, Deus e Home verdadeiro, vive e reina e é o Señor do mundo. Só por El mantense en vida todo o que vive.
Por que, entón non se aparece agora en toda a súa gloria? Porque o seu reino non é deste mundo11, aínda que está no mundo. Explicáralle Xesús a Pilatos: Eu son rei. Eu para isto nacín: para dar testemuño da verdade; todo aquel que pertence á verdade, escoita a miña voz12. Os que agardaban do Mesías un poderío temporal visible, trabucábanse: que non consiste o reino de Deus en comer nin en beber, senón na xustiza, na paz e no gozo do Espírito Santo13.
Verdade e xustiza; paz e gozo no Espírito Santo. Ese é o reino de Cristo: a acción divina que salva os homes e que culminará cando a historia remate, e o Señor, que senta no máis alto do paraíso, veña xulgar definitivamente os homes.
Cando Cristo inicia a súa predicación na terra, non nos ofrece un programa político, senón que di: facede penitencia, porque está preto o reino dos ceos14; encárgalles aos seus discípulos que anuncien esa boa nova15, e ensina que se pida na oración o advento do reino16. Isto é o reino de Deus e a súa xustiza, unha vida santa: o que temos que buscar primeiro17, o único verdadeiramente necesario18.
A salvación, que predica o Noso Señor Xesucristo, é unha invitación dirixida a todos: acontece o que a certo rei, que celebrou o casamento do seu fillo e enviou os criados ir chamar polos convidados ás vodas19. Por iso, o Señor revela que o reino dos ceos está no medio de vós20.
Ninguén se atopa excluído da salvación, se libremente se achanza ás esixencias agarimosas de Cristo: nacer de novo21, facerse como nenos, na sinxeleza de espírito22; afastar o corazón de todo o que arrede de Deus23. Xesús quere feitos, non só palabras24. E un esforzo denodado, porque só os que loitan serán merecentes da herdanza eterna25.
A perfección do reino —o xuízo definitivo de salvación ou de condenación— non se dará na terra. Agora o reino é coma unha sementeira26, como a medranza do gran de mostaza27; a súa fin será como a pesca coa rede de arrastre, da que traída á area serán extraídos, para distintas sortes, os que obraron a xustiza e os que executaron a iniquidade28. Pero, mentres vivimos aquí, o reino semella o fermento que colleu unha muller e mesturouno con tres celemíns de fariña, ata que toda a masa quedou levedada29.
O que entende o reino que Cristo propón, advirte que paga a pena xogarse todo por conseguilo: é a perla que o comerciante adquire a consta de vender o que posúe, é o tesouro atopado na leira30. O reino dos ceos é unha conquista difícil: ninguén está seguro de acadalo31, mais o clamor humilde do home arrepentido consegue que se abran as súas portas de par en par. Un dos ladróns que foron crucificados con Xesús suplícalle: Señor, lémbrate de min cando chegues ao teu reino. E Xesús respondeulle: en verdade dígoche que hoxe estarás comigo no paraíso32.
Cfr. Col I, 11-16.
Act I, 11.
Prv VIII, 15.
Ex XV, 18.
Dan III, 100.
Ioh XVIII, 36.
Ioh XVIII, 37.
Rom XIV, 17.
Mt III, 2; IV, 17.
Cfr. Lc X, 9.
Cfr. Mt VI, 10.
Cfr. Mt VI, 33.
Cfr. Lc X, 42.
Mt XXII, 2.
Lc XVII, 21.
Cfr. Ioh III, 5.
Cfr. Mc X, 14; Mt VII, 21; V, 3.
En verdade dígovos que dificilmente un rico entrará no reino dos ceos (Mt XIX, 23).
Cfr. Mt VII, 21.
O reino dos ceos acádase a viva forza e os que a fan arrebátano (Mt XI, 12).
Cfr. Mt XIII, 24.
Cfr. Mt XIII, 31.
Cfr. Mt XIII, 47.
Cfr. Mt XIII, 33.
Cfr. Mt XIII, 44 e 45.
Cfr. Mt XXI, 43; VIII, 12.
Lc XXIII, 42.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/180/ (14-12-2025)