181
O reino na alma
Que grande es, Señor e Deus noso! Ti es o que pos na nosa vida o sentido sobrenatural e a eficacia divina. Ti es a causa de que, por amor do teu Fillo, con todas as forzas do noso ser, coa alma e co corpo poidamos repetir: oportet illum regnare!, mentres resoa a cantiga da nosa debilidade, porque sabes que somos criaturas —e que criaturas!— feitas de barro, non só nos pés33, tamén no corazón e na cabeza. Ao divino, vibraremos exclusivamente por ti.
Cristo debe reinar, antes que nada, na nosa alma. Pero que responderiamos se El preguntase: ti, de que xeito me deixas reinar en ti? Eu contestaría que, para que El reine en min, necesito a súa graza abondosa: unicamente así ata o derradeiro latexo, ata a derradeira respiración, ata a mirada menos intensa, ata a palabra máis corrente, ata a sensación máis elemental traduciranse nun hosanna ao meu Cristo Rei.
Se pretendemos que Cristo reine, temos que ser coherentes: comezar por entregarlle o noso corazón. Se non o fixésemos, falar do reinado de Cristo sería balbordo sen substancia cristiá, manifestación exterior dunha fe que non existiría, utilización fraudulenta do nome de Deus para as componendas humanas.
Se a condición para que Xesús reinase na miña alma, na túa alma, fose contar previamente en nós cun lugar perfecto, teriamos razón para nos desesperar. Pero non temas, filla de Sión: olla o teu Rei, que vén sentado nun burriño34. Védelo? Xesús conténtase cun pobre animal, por trono. Non sei a vós; mais a min non me humilla recoñecerme, aos ollos do Señor, como un asno: como un burriño vou eu diante túa; mais estarei sempre ao teu carón, porque ti me tomaches da túa destra35, ti lévasme polo ramal.
Pensade nas características do asno, agora que van quedando tan poucos. Non é un burro vello e teimudo, rancoroso, que se vinga cunha couce traizoeira, senón un asno novo: as orellas estiradas como antenas, austero na comida, duro no traballo, cun trote decidido e alegre. Hai centos de animais máis fermosos, más hábiles e máis crueis. Pero Cristo fixouse nel, para presentarse como rei ante o pobo que o aclamaba. Porque Xesús non sabe que facer coa astucia calculadora, coa crueldade de corazóns fríos, coa fermosura vistosa pero baldeira. O Noso Señor estima a alegría dun corazón mozo, o paso sinxelo, a voz sen falsete, os ollos limpos, o oído atento á súa palabra de agarimo. Dese xeito reina na alma.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/181/ (14-12-2025)