183

Cristo no cume das actividades humanas

Isto é realizable, non é un soño inútil. Se os homes nos decidísemos a albergar nos nosos corazóns o amor de Deus! Cristo, Señor Noso, foi crucificado e, desde a altura da Cruz, redimiu o mundo, restablecendo a paz entre Deus e os homes. Xesucristo lémbranos a todos: et ego, si exaltatus fuero a terra, omnia traham ad meipsum38, se vós me colocades no cume de todas as actividades da terra, cumprindo o deber de cada momento, sendo o meu testemuño no que parece grande e no que parece pequeno, omnia traham ad meipsum, atraereino todo onda min. O meu reino entre vós será unha realidade!

Cristo, Noso Señor, segue empeñado nesta sementeira de salvación dos homes e da creación enteira, deste mundo noso, que é bo, porque saíu bo das mans de Deus. Foi a ofensa de Adán, o pecado da soberbia humana, o que rompeu a harmonía divina do creado.

Pero Deus Pai, cando chegou a plenitude dos tempos, en viou o seu Fillo Unixénito, que —por obra do Espírito Santo— tomou carne en María sempre Virxe, para restable-cer a paz, para que, redimindo o home do pecado, adoptionem filiorum reciperemus39, fósemos constituídos fillos de Deus, capaces de participar na intimidade divina: para que dese xeito lle fose concedido a este home novo, a esta nova rama dos fillos de Deus40, liberar o universo enteiro da desorde, restaurando todas as cousas en Cristo41, que os reconciliou con Deus42.

A isto fomos chamados os cristiáns, esa é a nosa tarefa apostólica e o afán que nos debe proer a alma: lograr que sexa realidade o reino de Cristo, que non haxa máis odios nin máis crueldades, que espallemos pola terra o bálsamo forte e pacífico do amor. Pidámoslle hoxe ao noso Rei que nos faga colaborar humilde e afervoadamente no divino propósito de unir o que está crebado, de salvar o que está perdido, de ordenar o que o home desordenou, de levar a súa fin o que se descamiña, de reconstruír a concordia de todo o creado.

Abrazar a fe cristiá é comprometerse a continuar entre as criaturas a misión de Xesús. Temos que ser, cada un de nós, alter Christus, ipse Christus, outro Cristo, o mesmo Cristo. Só así poderemos emprender esa empresa grande, inmensa, interminable: santificar desde dentro todas as estruturas temporais, levando alí o fermento da Redención.

Nunca falo de política. Non penso no cometido dos cristiáns na terra como un agromar dunha corrente político-relixiosa —sería unha loucura—, nin sequera aínda que teña o bo propósito de infundir o espírito de Cristo en todas as actividades dos homes. O que hai que meter en Deus é o corazón de cada un, sexa quen sexa. Procuremos falar para cada cristián, para que alí onde está —en circunstancias que non dependen só da súa posición na Igrexa ou na vida civil, senón do resultado das cambiantes situacións históricas—, saiba dar testemuño, co exemplo e coa palabra, da fe que profesa.

O cristián vive no mundo con pleno dereito, por ser home. Se acepta que no seu corazón habite Cristo, que reine Cristo, en todo o seu quefacer humano atoparase —ben forte— a eficacia salvadora do Señor. Non importa que esa ocupación sexa, como se adoita dicir, alta ou baixa; porque un cume humano pode ser para os ollos de Deus, unha baixeza; e o que chamamos baixo ou modesto pode ser unha cima cristiá, de santidade e de servizo.

Notas
38

Ioh XII, 32.

39

Gal IV, 5.

40

Cfr. Rom VI, 4-5.

41

Cfr. Eph I, 9-10.

42

Cfr. Col I, 20.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma