184
A liberdade persoal
Un cristián, cando traballa, como é a súa obriga, non debe esquivar nin burlar as esixencias propias do natural. Se coa expresión bendicir as actividades humanas se entendese anular ou escamotear a súa dinámica propia, negaríame a usar esas palabras. Persoalmente non me convenceu nunca que as actividades correntes dos homes ostenten, como un letreiro postizo, un cualificativo confesional. Porque me parece, malia que respecto a opinión contraria, que se corre perigo de usar en van o nome santo da nosa fe, e ademais porque, nalgunhas ocasións, a etiqueta católica utilizouse para mesmo xustificar actitudes e operacións que non son por veces honradamente humanas.
Se o mundo e todo o que hai nel —menos o pecado— é bo, porque é obra de Deus Noso Señor, o cristián, loitando continuamente por evitar as ofensas a Deus —unha loita positiva de amor—; ten que se dedicar a todo o terreo, cóbado con cóbado cos demais cidadáns; debe defender todos os bens derivados da dignidade da persoa.
E existe un ben que deberá buscar sempre especialmente: o da liberdade persoal. Só se defende a liberdade individual dos demais coa correspondente persoal responsabilidade, poderá, con honradez humana e cristiá, defender do mesmo xeito a súa. Repito e repetirei sen cesar que o Señor nos deu de balde un grande agasallo sobrenatural, a graza divina; e outra marabillosa dádiva humana, a liberdade persoal, que esixe de nós —para que non se corrompa, converténdose en libertinaxe— integridade, empeño eficaz en desenvolver a nosa conduta dentro da lei divina, porque onde está o Espírito de Deus, alí hai liberdade43.
O Reino de Deus é a liberdade: aquí non existen máis servos que os que libremente se encadean, por Amor a Deus. Bendita escravitude de amor, que nos fai libres! Sen liberdade non podemos corresponder á graza, sen liberdade, non podemos entregarnos libremente ao Señor, coa razón máis sobrenatural: porque nos peta.
Algúns dos que me escoitades coñecédesme desde hai moitos anos. Podedes testemuñar que levo toda a miña vida predicando a liberdade persoal, con persoal responsabilidade. Busqueina e búscoa, por toda a terra, como Dióxenes buscaba un home. E cada día ámoa máis, ámoa sobre todas as cousas terreas: é un tesouro que non apreciaremos nunca dabondo.
Cando falo de liberdade persoal, non me refiro con esta escusa a outros problemas quizais moi lexítimos, que non corresponden ao meu oficio de sacerdote. Sei que non me corresponde tratar de temas seculares e transitorios, que pertencen á esfera temporal e civil, materias que o Señor deixou á libre e serena controversia dos homes. Sei tamén que os beizos do sacerdote, evitando por completo todo bando humano, hanse abrir só para conducir as almas a Deus, á súa doutrina espiritual salvadora, aos sacramentos que instituíu Xesucristo, á vida interior que nos aproxima ao Señor sabéndonos os seus fillos e, polo tanto, irmáns de todos os homes sen excepción.
Celebramos hoxe a festa de Cristo Rei. E non estou fóra do meu oficio de sacerdote cando digo que, se alguén entendese o reino de Cristo como un programa político, non tería profundado na finalidade sobrenatural da fe e estaría a piques de gravar as conciencias con pesos que non son os de Xesús, porque o seu xugo e suave e a súa carga liviá44. Amemos de verdade a todos os homes; amemos a Cristo, por riba de todo; e, entón, non teremos outra que amar a lexítima liberdade dos outros, nunha pacífica e razoable convivencia.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/184/ (14-12-2025)