185
Serenos, fillos de Deus
Suxerirédesme, quizais: pero poucos queren oír isto e aínda menos, poñelo en práctica. Cónstame: a liberdade é unha planta forte e saudable, que se aclimata mal entre as pedras, entre espiñas ou nos camiños pisados polas xentes45. Xa nos fora anunciado, aínda antes de que Cristo viñese á terra.
Lembrade o salmo segundo: por que se amotinaron as nacións, e os pobos argallan cousas vas? Erguéronse os reis da terra, e reuníronse os príncipes contra o Señor e contra o seu Cristo46. Védelo? Nada novo. Opúñanse a Cristo antes de que nacese; opuxéronselle, mentres os seus pés pacíficos percorrían os vieiros de Palestina; perseguírono despois e agora, atacando os membros do seu corpo místico e real. Por que tanto odio, por que ese cebarse na cándida simplicidade, por que este universal asoballamento da liberdade de cada conciencia?
Rompamos as súas ataduras e sacudamos lonxe de nós o seu xugo47. Rompen o xugo livián, afastan de si a súa carga, marabillosa carga de santidade e de xustiza, de graza, de amor e de paz. Rabian ante o amor, rin da bondade inerme dun Deus que renuncia ao uso das súas lexións de anxos para se defender48. Se o Señor admitise a componenda, se sacrificase uns poucos inocentes para satisfacer unha maioría de culpables, aínda poderían intentar un entendemento con El. Pero non é esta a lóxica de Deus. O Noso Pai é verdadeiramente pai, e está disposto a perdoar a miles dos que obran o mal con tal de que haxa só dez xustos49. Os que se moven polo odio non poden entender esta misericordia, e refórzanse na súa aparente impunidade terrea, alimentándose da inxustiza.
O que habita nos ceos rirase deles, burlarase deles o Señor. Entón falaralles na súa indignación e encheraos de terror coa súa ira50. Que lexítima é a ira de Deus e que xusto o seu furor, que grande tamén a súa clemencia!
Eu fun por El constituído Rei sobre Sión, o seu monte santo, para predicar a súa Lei. A min díxome o Señor: Ti es o meu fillo, eu xereite hoxe51. A misericordia de Deus Pai deunos como Rei ao seu Fillo. Cando ameaza, énchese de tenrura; anuncia a súa ira e entréganos o seu amor. Ti es o meu fillo: diríxese a Cris-to e diríxese a ti e mais a min, se nos decidimos a ser alter Christus, ipse Christus.
As palabras non poden seguir o corazón, que se emociona ante a bondade de Deus. Dinos: ti es o meu fillo. Non un estraño, non un servo benevolamente tratado, non un amigo, que xa sería moito. Fillo! Concédenos vía libre para que vi-vamos con El a piedade do fillo e, atreveríame a afirmar, tamén a desvergonza do fillo dun Pai, que é incapaz de lle ne-gar nada.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/185/ (14-12-2025)