186
Que hai moitos teimados en se comportar con inxustiza? Abofé, pero o Señor insiste: pídeme, dareiche as nacións en herdade, e estenderei os teus dominios ata os confíns da terra. Rexeralos con barra de ferro e como a vaso de oleiro romperalos52. Son promesas fortes, e son de Deus: non podemos disimulalas. Non en van Cristo é Redentor do mundo, e reina, soberano, a destra do Pai. É o terrible anuncio do que agarda a cada un, cando a vida pase, porque pasa; e a todos, cando a historia remate, se o corazón se endurece no mal e na desesperanza.
Porén Deus, que pode vencer sempre, prefire convencer: agora, reis, gobernantes, entendédeo ben; deixádevos instruír, os que xulgades na terra. Servide o Señor con temor e enxalzádeo con tremor. Abrazade a boa doutrina, non sexa que á fin o Señor se anoxe e perezades fóra do bo camiño, pois inflámase de súpeto a súa ira53. Cristo é o Señor, o Rei. Nós anunciámosvos o cumprimento da promesa feita aos vosos pais: a que Deus cumpriu diante dos nosos fillos ao resucitar a Xesús, segundo está escrito no salmo segundo: Ti es o meu Fillo, eu xereite hoxe...
Agora pois, meus irmáns, tende entendido que por medio de Xesús se vos ofrece a remisión dos pecados e de todas as manchas das que non puidestes ser xustificados en virtude da lei mosaica: todo o que cre nel é xustificado. Mirade que non recaia sobre vós o que foi dito nos profetas: reparade, os que desprezades, enchédevos de pavor e quedade con pesadume; porque vou realizar nos vosos días unha obra, na que non acabaredes de crer por máis que vola conten54.
É a obra da salvación, o reinado de Cristo nas almas, a manifestación da misericordia de Deus. Venturosos os que a El se acollen! 55. Temos dereito, os cristiáns, a alaudar a realeza de Cristo: porque, aínda que abonde a inxustiza, aínda que moitos non desexen este reinado de amor, na mesma historia humana que é o escenario do mal, vaise tecendo a obra da salvación eterna.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/186/ (14-12-2025)