20
Permitídeme que volva de novo á inxenuidade, á sinxeleza da vida de Xesús, que xa vos fixen considerar tantas veces. Eses anos ocultos do Señor non son algo sen significado, nin tampouco unha simple preparación dos anos que virán despois: os da súa vida pública. Desde 1928 comprendín con claridade que Deus desexa que os cristiáns tomen exemplo de toda a vida do Señor. Entendín especialmente a súa vida agochada, a súa vida de traballo corrente no medio dos homes: o Señor quere que moitas almas atopen o seu camiño nos anos de vida calada e sen brillo. Obedecer a vontade de Deus é sempre, polo tanto, saír do noso egoísmo; mais non ten porque se reducir principalmente a afastarse das circunstancias ordinarias da vida dos homes, iguais a nós polo seu estado, pola súa profesión, pola súa situación na sociedade.
Soño —e o soño fíxose realidade— con multitudes de fillos de Deus, santificándose na súa vida de cidadáns correntes, compartindo afáns, ilusións e esforzos coas demais criaturas. Necesito berrarlles esta verdade divina: se permanecedes no medio do mundo, non é porque Deus se esquecese de vós, non é porque o Señor non vos chamase. Invitouvos a que continuedes nas actividades e nas ansiedades da terra, porque vos fixo saber que a vosa vocación humana, a vosa profesión, as vosas calidades, non só non son alleas aos seus designios divinos, senón que El as santificou como ofrenda gratísima ao Pai.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/20/ (14-12-2025)