22
Estamos no Nadal. Os diversos feitos e circunstancias que arrodearon o nacemento do Fillo de Deus acoden á nosa lembranza, e a mirada detense na cova de Belén, no fogar de Nazaret. María, Xosé, Xesús Neno, ocupan dun xeito moi especial o centro do noso corazón. Que nos di, que nos aprende a vida ao tempo sinxela e admirable desa Sagrada Familia?
Entre as moitas consideracións que poderiamos facer, unha sobre todo quero comentar agora. O nacemento de Xesús significa, como refire a Escritura, a inauguración da plenitude dos tempos1, o momento escollido por Deus para manifestar por enteiro o seu amor aos homes, entregándonos o seu propio Fillo. Esta vontade divina cúmprese no medio das circunstancias máis normais e ordinarias: unha muller que dá á luz, unha familia, unha casa. A Omnipotencia divina, o esplendor de Deus, pasan a través do humano, únense ao humano. Desde entón os cristiáns sabemos que, coa graza do Señor, podemos e debemos santificar todas as realidades limpas da nosa vida. Non hai situación terrea, por pequena e corrente que pareza, que non poida ser ocasión dun encontro con Cristo e etapa do noso camiñar cara ao Reino dos ceos.
Non é por iso estraño que a Igrexa se alede, que se recree, contemplando a morada modesta de Xesús, María e Xosé. É grato —rézase no Himno de matíns desta festa— lembrar a pequena casa de Nazaret e a existencia sinxela que alí se leva, celebrar con cantos a inxenuidade humilde que arrodea a Xesús, a súa vida agochada. Alí foi onde, sendo neno, aprendeu o oficio de Xosé; alí onde medrou en idade e onde compartiu o traballo de artesán. Xunta El sentábase a súa doce Nai, xunta Xosé vivía a súa esposa amadísima, feliz de poder axudarlle e de ofrecerlle os seus coidados.
Ao pensar nos fogares cristiáns, gústame imaxinalos luminosos e alegres, como foi o da Sagrada Familia. A mensaxe do Nadal resoa con toda a forza: Gloria a Deus no máis alto dos ceos, e paz na terra aos homes de boa vontade2. Que a paz de Cristo trunfe nos vosos corazóns, escribe o apóstolo3. A paz de sabérmonos amados polo noso Pai Deus, incorporados a Cristo, protexidos pola Virxe Santa María, amparados por san Xosé. Esa é a gran luz que alumea as nosas vidas e que, entre as dificultades e miserias persoais, dános pulo para proseguir animosos cara a adiante. Cada fogar cristián debería ser un remanso de serenidade, no que, por riba das pequenas contradicións de acotío, se percibise un agarimo fondo e sincero, unha tranquilidade profunda, froito dunha fe real e vivida.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/22/ (14-12-2025)