23

O matrimonio non é, para un cristián, unha simple institución social, nin moito menos un remedio para as debilidades humanas: é unha auténtica vocación sobrenatural. Sacramento grande en Cristo e na Igrexa, di san Paulo4, e, á vez e insepa-rablemente, contrato que un home e unha muller fan para sempre, porque —queiramos ou non— o matrimonio insti-tuído por Xesucristo é indisoluble: signo sagrado que santifica, acción de Xesús, que invade a alma dos que casan e invítaos a seguilo, transformando toda a vida matrimonial nun andar di vino na terra.

Os casados están chamados a santificar o seu matrimonio e a santificarse nesa unión; cometerían por iso un grave erro, se edificasen a súa conduta espiritual ás costas e á marxe do seu fogar. A vida familiar, as relacións conxugais, o coidado e a educación dos fillos, o esforzo por sacar economicamente adiante á familia e por asegurala e mellorala, o trato coas outras persoas que constitúen a comunidade social, todo iso son situacións humanas e correntes que os esposos cristiáns deben sobrenaturalizar.

A fe e a esperanza hanse manifestar no sosego co que se enfocan os problemas, pequenos e grandes, que en todos os fogares ocorren, na ilusión con que se persevera no cumprimento do propio deber. Así a caridade o encherá todo, e levará a compartir as alegrías e os posibles desabores; a saber sorrir, esquecendo as propias preocupacións para atender os demais; a escoitar o outro cónxuxe ou os fillos, mostrándolles que de verdade se lles quere e comprende; a pasar por alto miúdos roces sen importancia que o egoísmo podería converter en montañas; a poñer un grande amor nos pequenos servizos de que está composta a convivencia diaria.

Santificar o fogar día a día, crear, con agarimo, un auténtico ambiente de familia: diso se trata. Para santificar cada xornada, hanse exercitar moitas virtudes cristiás; as teologais en primeiro lugar e, logo, as outras: a prudencia, a lealdade, a sinceridade, a humildade, o traballo, a alegría... Falando do matrimonio, da vida matrimonial, é necesario comezar cunha referencia clara ao amor dos cónxuxes.

Notas
4

Cfr. Eph V, 32.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma