24
A santidade do amor humano
O amor puro e limpo dos esposos é unha realidade santa que eu, como sacerdote, bendigo coas dúas mans. A tradición cristiá viu frecuentemente, na presenza de Xesucristo nas vodas de Caná, unha confirmación do valor divino do matrimonio: foi o noso Salvador ás vodas —escribe san Cirilo de Alexandría— para santificar o principio da xeración humana5.
O matrimonio é un sacramento que fai de dous corpos unha soa carne; como con expresión forte di a teoloxía, son os corpos mesmos dos contraentes a súa materia. O Señor santifica e bendice o amor do marido á súa muller e o da muller ao seu marido: dispuxo non só a fusión das almas, senón a dos seus corpos. Ningún cristián, estea ou non chamado á vida matrimonial, pode desestimala.
Deunos o Creador a intelixencia, que é coma un chispazo do entendemento divino, que nos permite —coa libre vontade, outro don de Deus— coñecer e amar; e puxo no noso corpo a posibilidade de xerar, que é como unha participación do poder creador. Deus quíxose servir do amor conxugal, para traer novas criaturas ao mundo e aumentar o corpo da súa Igrexa. O sexo non é unha realidade vergoñenta, senón unha dádiva divina que se ordena limpamente á vida, ao amor, á fecundidade.
Ese é o contexto, o transfondo, no que se sitúa a doutrina cristiá da sexualidade. A nosa fe non descoñece nada do belo, do xeneroso, do xenuinamente humano, que hai aquí abaixo. Apréndenos que a regra do noso vivir non debe ser a procura egoísta do pracer, porque só a renuncia e o sacrificio levan ao verdadeiro amor: Deus amounos e invítanos a amalo e a amar os demais coa verdade e coa autenticidade con que El nos ama. Quen conserva a súa vida perderaa; quen perdese a súa vida polo meu amor,volverá atopala, escribiu san Mateu no seu Evanxeo, con frase que parece un paradoxo6.
As persoas que están pendentes de si mesmas, que actúan buscando ante todo a súa satisfacción, poñen en xogo a súa salvación eterna, e xa agora son inevitablemente infelices e desgraciadas. Só quen se esquece de si, e se entrega a Deus e aos demais —tamén no matrimonio—, pode ser ditoso na terra, cunha felicidade que é preparación e anticipo do ceo.
Durante o noso camiñar terreo, a dor é a pedra de toque do amor. No estado matrimonial, considerando as cousas du nha maneira descritiva, poderiamos afirmar que hai anverso e reverso. Dunha parte, a ledicia de saberse queridos, a ilusión de edificar e sacar adiante un fogar, o amor conxugal, o conso-lo de ver medrar aos fillos. Doutra, dores e contrariedades, o transcurso do tempo que consome os corpos e ameaza con agrear os caracteres, a aparente monotonía dos días aparentemente sempre iguais.
Tería un pobre concepto do matrimonio e do cariño huma-no quen pensase que, ao tropezar con dificultades, o amor e o contento rematan. Precisamente entón, cando os sentimentos que animaban a aquelas criaturas revelan a súa verdadeira natureza, a doazón e a tenrura arráiganse e maniféstanse como un afecto auténtico e fondo, máis poderoso ca morte7.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/24/ (14-12-2025)