25
Esa autenticidade do amor require fidelidade e rectitude en todas as relacións matrimoniais. Deus, comenta san Tomé de Aquino8, uniu ás diversas funcións da vida humana un pracer, unha satisfacción; ese pracer e esa satisfacción son polo tanto bos. Mais se o home, invertendo a orde das cousas, busca esa emoción como valor último, desprezando o ben e o fin á que debe estar ligada e ordenada, pervértea e desnaturalízaa, converténdoa en pecado, ou en ocasión de pecado.
A castidade —non a simple continencia, senón afirmación decidida dunha vontade namorada— é unha virtude que mantén a mocidade do amor en calquera estado de vida. Existe unha castidade dos que senten que se esperta neles un desenvolvemento da puberdade, unha castidade dos que se preparan para casar, unha castidade dos que Deus chama ao celibato, unha castidade dos que foron escollidos por Deus para vivir no matrimonio.
Como non lembrar aquí as palabras fortes e claras que nos conserva a Vulgata, coa recomendación que o Arcanxo Rafael fixo a Tobías antes de que se desposase con Sara? O anxo amo estouno así: Escóitame e mostrareiche quen son aqueles contra os que pode prevalecer o demo. Son os que abrazan o matrimonio de tal xeito que exclúen a Deus de si e da súa mente, que se deixan arrastrar pola paixón como o cabalo ou o mulo, que ca-recen de entendemento. Sobre estes ten potestade o diabo9.
Non hai amor humano neto, franco e alegre no matrimonio se non se vive esa virtude da castidade, que respecta o misterio da sexualidade e ordénao á fecundidade e á entrega. Nunca falei de impureza, e evitei sempre descender á casuística morbosa e sen sentido; pero de castidade e de pureza, da afirmación gozosa do amor, si que falei moitas veces e debo falar.
Con respecto á castidade conxugal, asegúrolles aos esposos que non deben ter medo a expresar o cariño: ao contrario, porque esa inclinación é a base da súa vida familiar. O que lles pide o Señor é que se respecten mutuamente e que sexan mutuamente leais, que obren con delicadeza, con naturalidade, con modestia. Direilles tamén que as relacións conxugais son dignas cando son proba de verdadeiro amor e, polo tanto, están abertas á fecundidade, aos fillos.
Cegar as fontes da vida é un crime contra os dons que Deus lle concedeu á humanidade, e unha manifestación de que é o egoísmo e non o amor o que inspira a conduta. Entón todo se enturba, porque os cónxuxes chegan a contemplarse como cómplices: e prodúcense disensións que, se continúan nesa liña, son case sempre incurables.
Cando a castidade conxugal está presente no amor, a vida matrimonial é expresión dunha conduta auténtica, marido e muller compréndense e séntense unidos; cando o ben divino da sexualidade se perverte, a intimidade destrúese, e o marido e a muller xa non se poden mirar á cara nobremente.
Os esposos deben edificar a súa convivencia sobre un cariño sincero e limpo, sobre a alegría de ter traído ao mundo os fillos que Deus lles dera a posibilidade de ter, sabendo, se fai falta, renunciar a comodidades persoais e poñendo fe na providencia divina: formar unha familia numerosa, se tal fose a vontade de Deus, é unha garantía de felicidade e de eficacia, aínda que afirmen outra cousa os fautores equivocados dun triste hedonismo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/25/ (14-12-2025)