27
Fogares luminosos e alegres
Non se pode falar do matrimonio sen pensar á vez na familia, que é o froito e a continuación do que se inicia co matrimonio. Unha familia componse non só do marido e da muller, senón tamén dos fillos e, nun ou noutro grao, dos avós, doutros parentes e das empregadas do fogar. A todos eles tenlles que chegar a calor entrañable, da que depende o ambiente familiar.
Certamente hai matrimonios aos que o Señor non lles concede fillos: é sinal entón de que lles pide que se sigan querendo con igual agarimo, e que dediquen as súas enerxías —se poden— a servizos e tarefas en beneficio doutras almas. Mais o normal é que un matrimonio teña descendencia. Para estes esposos, a primeira preocupación han ser os seus propios fillos. A paternidade e a maternidade non rematan co nacemento: esa participación no poder de Deus, que é a facultade de procrear, ha de prolongarse na cooperación co Espírito Santo para que culmine formando auténticos homes cristiáns e auténticas mulleres cristiás.
Os pais son os principais educadores dos seus fillos, tanto no humano coma no sobrenatural, e han sentir a responsabilidade desa misión, que esixe deles comprensión, prudencia, saber ensinar e, sobre todo, saber querer; e poñer empeño en dar bo exemplo. Non é camiño axeitado para a educación, a impo-sición autoritaria e violenta. O ideal dos pais concrétase máis ben en chegar a ser amigos dos fillos; amigos aos que se lles confían as inquedanzas, con quen se consultan os problemas, dos que se agarda unha axuda eficaz e amable.
É necesario que os pais atopen tempo para estar cos fillos e falar con eles. Os fillos son o máis importante: máis importante cós negocios, có traballo, có descanso. Nesas conversacións cómpre escoitalos con atención, esforzándose por com prendelos, saber recoñecer a parte de verdade —ou a ver dade enteira— que pode haber nalgunha das súas rebeldías. E, ao tempo, axudarlles a encarreirar rectamente os seus afáns e ilusións, aprenderlles a considerar as cousas e a razoar; non lles impor unha conduta, senón mostrarlles os motivos, sobrenaturais e humanos, que a aconsellan. Nunha palabra, respectar a súa liberdade, xa que non hai verdadeira educa-ción sen responsabilidade persoal, nin responsabilidade sen liberdade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/27/ (14-12-2025)