3

Algo semellante sucedeu con nós. Sen grande dificultade poderiamos atopar na nosa familia, entre os nosos amigos e compañeiros, por non me referir ao inmenso panorama do mundo, tantas outras persoas máis dignas ca nós para recibir a chamada de Cristo. Máis sinxelos, máis sabios, máis influentes, máis importantes, máis agradecidos, máis xenerosos.

Eu, ao pensar nestes puntos, avergóñome. Pero decátome tamén de que a nosa lóxica humana non serve para explicar as realidades da graza. Deus adoita buscar instrumentos febles, para que apareza con clara evidencia que a obra é súa. San Paulo evoca con tremor a súa vocación: despois de todosaparecéuseme a min, que veño a ser como un abortivo, sendo o menor dos apóstolos, que non son digno de ser chamado apóstolo, porque perseguín áIgrexa de Deus15. Deste xeito escribe Saulo de Tarso, cunha personalidade e un pulo que a historia non fixo senón agrandar.

Sen que mediara mérito algún pola nosa parte, dicíavos: porque na base da vocación están o coñecemento da nosa miseria, a conciencia de que as luces que alumean a alma —a fe— , o amor co que amamos —a caridade— e o desexo polo que nos sostemos —a esperanza—, son dons gratuítos de Deus. Por iso, non medrar en humildade significa perder de vista o obxectivo da elección divina: ut essemus sancti, a santidade persoal.

Agora, desde esa humildade, poderemos comprender toda a marabilla da chamada divina. A man de Cristo colleunos dun trigal: o sementador aperta na súa man chagada unha presa de trigo. O sangue de Cristo baña a semente, a enchoupa. Logo, o Señor bota ao aire ese trigo, para que morrendo, sexa vida e,  afundíndose na terra, sexa quen de multiplicarse en espigas de ouro.

Notas
15

1 Cor XV, 8-9.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma