31

Non hai moito, admirei un relevo en mármore, que representa a escena da adoración dos Magos ao Neno Deus. Enmarcando este relevo, había outros: catro anxos, con cadanseu símbolo: un diadema, o mundo coroado pola cruz, unha espada, un cetro. Desta maneira plástica, utilizando signos coñecidos, ilustrouse o acontecemento que conmemoramos hoxe: uns homes sabios —a tradición di que eran reis— axeónllanse perante o Neno, despois de preguntar en Xerusalén: u-lo nacido rei dos xudeus?1.

Eu tamén, urxido por esta pregunta, contemplo agora a Xesús, deitadonunha manxadoira2, nun lugar que é o sitio axeitado para as bestas. Onde está, Señor, a túa realeza: o diadema, a espada, o cetro? Perténcenlle, e non os quere; reina envolto en cueiros. É un Rei inerme, que se nos mostra indefenso: un neno pequeno. Como non lembrar aquelas palabras do Apóstolo: anonadouse a si mesmo tomando forma de servo? 3.

Noso Señor encarnouse, para manifestarnos a vontade do Pai. E velaquí que, xa no berce, nos instrúe. Xesucristo búscanos —cunha vocación, que é vocación á santidade— para consumar, con El, a Redención. Considerade a súa primeira ensinanza: temos que corredimir non perseguindo o triunfo sobre os nosos próximos, senón sobre nós mesmos. Como Cristo, necesitamos anonadarnos, sentirnos servidores dos demais, para levalos a Deus.

U-lo Rei? Non será que Xesús desexa reinar, antes que nada no corazón, no teu corazón? Por iso se fai Neno, porque quen non ama a unha criatura pequena? Onde está o Rei? Onde está o Cristo, que o Espírito Santo procura formar na nosa alma? Non pode estar na soberbia que nos afasta de Deus, non pode estar na falta de caridade que nos illa. Aí non pode estar Cristo; aí o home queda só.

Aos pés de Xesús Neno, no día da Epifanía, ante un Rei sen sinais exteriores de realeza, podédeslle dicir: Señor, quita a soberbia da miña vida; quebranta o meu amor propio, este querer afirmarme eu e impoñerme aos demais. Fai que o fundamento da miña personalidade sexa a identificación contigo.

Notas
1

Mt II, 2.

2

Lc II, 12.

3

Phil II, 7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma