32

O camiño da fe

A meta non é fácil: identificarnos con Cristo. Mais tampouco é difícil, se vivimos como o Señor nos aprendeu: se acudimos acotío á súa Palabra, se empapamos a nosa vida coa realidade sacramental —a Eucaristía— que El nos deu por alimento, porque o camiño do cristián é andadeiro, como lembra unha vella canción da miña terra. Deus chamounos clara e inequivocamente. Como os Reis Magos, descubrimos unha estrela, luz e rumbo, no ceo da alma.

Vimos a súa estrela no Oriente e viñemos adoralo4. É a nosa mesma experiencia. Tamén nós advertimos que, aos poucos, na alma se acendía un novo resplandor: o desexo de ser plenamente cristiáns; se me permitides a expresión, a ansiedade de tomarnos a Deus en serio. Se cada un de vós puidese contar agora en voz alta o proceso íntimo da súa vocación sobrenatural, os demais xulgariamos que todo aquilo era divino. Agradezamos a Deus Pai, a Deus Fillo, a Deus Espírito Santo e a Santa María, pola que nos veñen todas as bendicións do ceo, este don que, xunto co da fe, é o máis grande que o Señor pode conceder a unha criatura: o afán ben determinado de chegar á plenitude da caridade, co convencemento de que tamén é necesaria —e non só posible— a santidade no medio das tarefas profesionais, sociais...

Considerade con que fineza nos convida o Señor. Exprésase con palabras humanas, como un namorado: Eu chameite polo teu nome... Ti es meu5. Deus, que é a fermosura, a grandeza, a sabedoría, anúncianos que somos seus, que fomos escollidos como termo do seu amor infinito. Fai falta unha rexa vida de fe para non desvirtuar esta marabilla, que a Providencia divina pon nas nosas mans. Fe como a dos Reis Magos: a convicción de que nin o deserto, nin as tempestades, nin a tranquilidade dos oasis nos impedirá chegar á meta do Belén eterno: a vida definitiva con Deus.

Notas
4

Mt II, 2.

5

Is XLIII, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma