33

Un camiño de fe é un camiño de sacrificio. A vocación cristiá non nos saca do noso sitio, pero esixe que abandonemos todo o que estorba ao querer de Deus. A luz que se acende é só o principio; temos que seguila, se desexamos que esa claridade sexa estrela, e logo sol. Mentres os Magos estaban enPersia —escribe san Xoán Crisóstomo— non vían senón unha estrela; mais cando abandonaron a súa patria, viron ao mesmo sol de xustiza. Pódese dicir que non continuarían vendo a estrela, se permanecesen no seu país. Deámonos présa, pois, tamén nós; e aínda que todos nolo impidan,corramos á casa dese Neno6.

Firmeza na vocación

Vimos a súa estrela no Oriente e viñemos a adorarlo. Ao oír isto, turbouse oRei Herodes e, con el, toda Xerusalén7. Aínda hoxe repítese esta escena. Ante a grandeza de Deus, ante a decisión, seriamente humana e profundamente cristiá, de vivir de xeito coherente coa propia fe, non faltan persoas que se estrañan, e aínda se escandalizan, desconcertadas. Diríase que non conciben outra realidade que a que cabe nos seus limitados horizontes terreos. Ante os feitos de xenerosidade, que perciben na conduta doutros que escoitaron a chamada do Señor, sorrín con displicencia, asústanse ou —en casos que parecen verdadeiramente patolóxicos— concentran todo o seu esforzo en impedir a santa determinación que unha conciencia tomou coa máis plena liberdade.

Teño presenciado, en ocasións, o que se podería chamar como unha mobilización xeral, contra os que decidiran dedicar toda a súa vida ao servizo de Deus e dos demais homes. Hai algúns, que están persuadidos de que o Señor non pode escoller a quen queira sen lles pedir permiso a eles, para elixir a outros; e de que o home non é quen de ter a máis plena liberdade, para responder que si ao Amor ou para rexeitalo. A vida sobrenatural de cada alma é algo secundario, para os que discorren dese xeito, pensan que merece prestarlle atención, pero só despois de que estean satisfeitas as pequenas comodidades e egoísmos humanos. Se así fose, que quedaría do cristianismo? As palabras de Xesús, amorosas e á vez esixentes, son só para oílas, ou para oílas e poñelas en práctica? El dixo: sedeperfectos como o voso Pai celestial é perfecto8.

O Noso Señor diríxese a todos os homes, para que veñan ao seu encontro. Non só chama aos Reis Magos, que eran sabios e poderosos; antes enviara aos pastores de Belén, non xa unha estrela, senón un dos seus anxos9. Pero, pobres e ricos, sabios ou menos sabios, han fomentar na súa alma a disposición humilde que permite escoitar a voz de Deus.

Considerade o caso de Herodes: era un potente da terra, e ten a oportunidade de servirse da colaboración dos sabios: reunindo a todos ospríncipes dos sacerdotes e aos escribas do pobo, preguntoulles onde tiña que nacer o Mesías10. O seu poder e a súa ciencia non o levan a recoñecer a Deus. Para o seu corazón empedernido, poder e ciencia son instrumentos de maldade: o desexo inútil de aniquilar a Deus, o desprezo pola vida dun puñado de nenos inocentes.

Sigamos lendo o Santo Evanxeo. Eles contestaron: en Belén de Xudá, pois así está escrito polo profeta: E ti, Belén, terra de Xudá, non es certamente a máis pequena entre os príncipes de Xudá, porque de ti sairá un xefe que apacentará o meu pobo Israel11. Non podemos pasar por alto estes detalles da misericordia divina: quen ía redimir ao mundo, nace nunha aldea perdida. E é que Deus non fai acepción de persoas12, como nos repite insistentemente a Escritura. Non se fixa, para invitar a unha alma a unha vida de plena coherencia coa fe, en méritos de fortuna, en nobreza de familia, en altos graos de ciencia. A  vocación precede aos méritos: a estrela que viran en Oriente lles precedía, ata que, chegada enriba do lugar no que estaba o Neno, detívose13.

A vocación é o primeiro; Deus ámanos denantes de que nos saibamos dirixir a El, e pon en nós o amor co que lle podemos corresponder. A paternal bondade de Deus sáenos ao encontro14. Noso Señor non só é xusto, é moito máis: misericordioso. Non espera que vaiamos a El; anticípase, con mostras inequívocas de paternal agarimo.

Notas
6

San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 6, 5 (PG 57, 78).

7

Mt II, 2-3.

8

Mt V, 48.

9

Cfr. Lc II, 9.

10

Mt II, 4.

11

Mt II, 5.

12

Cfr. 2 Par XIX, 7; Rom I, 1; Eph VI, 9; Col III, 25, etc.

13

Mt II, 9.

14

Ps LXXVIII, 8.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma