35

Ouro, incenso e mirra

Videntes autem stellam gavisi sunt gaudio magno valde17, di o texto latino con admirable reiteración: ao descubrir novamente a estrela, gozáronse cun gozo moi grande. Por que tanta ledicia? Porque, os que non dubidaron nunca, reciben do Señor a proba de que a estrela non desaparecera: simplemente deixaron de contemplala, mais conservárana sempre na alma. Así é a vocación do cristián: se non se perde a fe, cando se mantén a esperanza en Xesucristo que está connosco ata a consumación dos séculos18, a estrela reaparece. E, ao comprobar unha vez máis a realidade da vocación, nace unha maior ledicia, que aumenta en nós a fe, a esperanza e o amor.

Entrando na casa, viron o Neno con María, a súa Nai, e, axeonlladosadorárono19. Axeonllámonos tamén nós diante de Xesús, do Deus agochado na humanidade: repetímoslle que non queremos dar as costas a súa divina chamada, que non nos afastaremos nunca del; que apartaremos do noso camiño todo o que sexa un atranco para a fidelidade; que desexamos sinceramente ser dóciles ás súas inspiracións. Ti, na túa alma, e tamén eu —porque fago unha oración íntima, con fondos berros silandeiros— estámoslle contando ao Neno que anhelamos ser tan bos cumpridores coma aqueles servos da parábola, para que tamén nos poida contestar a nós: alégrate, servobo e fiel 20.

E abrindo os seus tesouros ofrecéronlle dons: ouro, incenso e mirra21. Deteñámonos un pouco para entender esta pasaxe do Santo Evanxeo. Como é posible que nós, que non somos nada e non valemos nada, lle fagamos ofrendas a Deus? Di a Escritura: toda dádiva e todo don perfecto de arribavén22. O home non acerta a descubrir enteiramente a profundidade e a beleza dos agasallos do Señor: Se ti coñeceses o don de Deus! 23, responde Xesús á muller samaritana. Xesucristo aprendeunos a esperalo todo do Pai, a buscar, antes que nada, o reino de Deus e a súa xustiza, porque todo o demais se nos dará de engádega, e ben sabe El que é o que necesitamos24.

Na economía da salvación, o Noso Pai coida a cada alma cunha delicadeza amorosa: cada un recibiu de Deus o seu propio don, quen dunha maneira,quen doutra25. Parecería inútil, polo tanto, afanarse por presentarlle ao Señor algo do que el tivese necesidade; desde a nosa situación de debedores que non teñen con que pagar26, os nosos dons asemellaríanse aos da Antiga Lei, que Deus xa non acepta: Ti non quixeches, nin foron do teu agrado, os sacrificios, as ofrendas e os holocaustos polo pecado, cousas todas que se ofrecen segundo a Lei27.

Mais o Señor sabe que dar é propio de namorados, e El mesmo sinálanos o que desexa de nós. Non importan as riquezas, nin os froitos nin os animais da terra, do mar ou do aire, porque todo iso é seu; quere algo íntimo, que lle temos que entregar con liberdade: dáme, meu fillo, o teu corazón28. Vedes? Non queda satisfeito compartindo: quéreo todo. Non anda á procura de cousas nosas, repito: quérenos a nós mesmos. De aí, e só de aí, arrincan todos os agasallos que lle poidamos ofrecer ao Señor.

Démoslle, polo tanto, ouro: o ouro fino do espírito de desprendemento dos cartos e dos medios materiais. Non esquezamos que son cousas boas, que veñen de Deus. Pero o Señor dispuxo que os utilicemos, sen deixar neles o corazón, facéndoos render en proveito da humanidade.

Os bens da terra non son malos; pervértense cando o home os converte en ídolos e, diante deses ídolos, axeónllase; ennobrécense cando os convertemos en instrumentos para o ben, nunha tarefa cristiá de xustiza e de caridade. Non podemos ir detrás dos bens económicos, como quen vai na procura dun tesouro; o noso tesouro está aquí, deitado nunha manxadoira; é Cristo e nel hanse centrar todos os nosos amores, porque onde está o voso tesouro alíestará tamén o voso corazón29.

Notas
17

Mt II, 10.

18

Mt XXVIII, 20.

19

Mt II, 11.

20

Mt XXV, 23.

21

Mt II, 11.

22

Iac I, 17.

23

Ioh IV, 10.

24

Cfr. Mt VI, 32-33.

25

1 Cor VII, 7.

26

Cfr. Mt XVIII, 25.

27

Heb X, 8.

28

Prv XXIII, 26.

29

Mt VI, 21.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma