36

Ofrecemos incenso: os desexos, que soben ata o Señor, de levar unha vida nobre, da que se desprenda o bonus odor Christi30, o perfume de Cristo. Impregnar as nosas palabras e as nosas accións no bonus odor, é sementar comprensión, amizade. Que a nosa vida acompañe as vidas dos demais homes, para que ninguén se atope ou se sinta só. A nosa caridade ten que ser asemade cariño, calor humana.

Así nolo ensina Xesucristo. A Humanidade esperaba desde había séculos a vinda do Salvador; os profetas anunciárano de mil formas; e ata nos últimos recunchos da terra —aínda que estivese perdida, polo pecado e pola ignorancia, gran parte da Revelación de Deus aos homes— conservábase o desexo de Deus, a ansia de ser redimidos.

Chega a plenitude dos tempos e, para cumprir esa misión, non aparece un xenio filosófico, como Platón ou Sócrates; non se instala na terra un conquistador poderoso, como Alexandre. Nace un Infante en Belén. É o Redentor do mundo; pero, antes de falar, ama con obras. Non trae fórmula máxica ningunha, porque sabe que a salvación que ofrece debe pasar polo corazón do home. As súas primeiras accións son risas, choros de neno, sono inerme dun Deus encarnado: para namorarnos, para que o saibamos acoller nos nosos brazos.

Decatámonos agora, unha vez máis, de que este é o cristianismo. Se o cristián non ama con obras, fracasou como cristián, que é fracasar tamén como persoa. Non podes pensar nos demais coma se fosen números ou chanzos, para que ti poidas subir; ou masa, para ser exaltada ou humillada, adulada ou desprezada, segundo os casos. Pensa nos demais —antes que nada, nos que están ao teu carón— como no que son: fillos de Deus, con toda a dignidade dese título marabilloso.

Temos que portarnos como fillos de Deus cos fillos de Deus: o noso debe ser un amor sacrificado, cotián, feito de mil detalles de comprensión, de sacrificio silandeiro, de entrega que non se nota. Este é o bonus odorChristi, o que lles facía dicir aos que vivían entre os nosos primeiros irmáns na fe: Mirade como se aman! 31.

Non se trata dun ideal afastado. O cristianismo non é un Tartarín de Tarascón, teimado en cazar leóns onde non pode atopalos: nos corredores da súa casa. Quero falar sempre da vida diaria e concreta: da santificación do traballo, das relacións familiares, da amizade. Se non somos cristiáns, onde o seremos? O recendo do incenso é o resultado dunha brasa, que queima sen ostentación unha multitude de grans; o bonus odor Christi advírtese entre os homes non pola laparada dun lume de ocasión, senón pola eficacia dun rescaldo de virtudes: a xustiza, a lealdade, a fidelidade, a comprensión, a xenerosidade, a alegría.

Notas
30

2 Cor II, 15.

31

Tertuliano, Apologeticum, 39 (PL I, 471).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma