42
Ao narrar estas escenas no seu Evanxeo, san Mateu pon constantemente de relevo a fidelidade de Xosé, que cumpre os mandatos de Deus sen vacilacións, aínda que ás veces o sentido deses mandatos lle puidese parecer escuro ou se lle ocultase a súa conexión co resto dos plans divinos.
En moitas ocasións os Padres da Igrexa e os autores espirituais fan resaltar esta firmeza da fe de san Xosé. Referíndose ás palabras do Anxo que lle ordena fuxir de Herodes e refuxiarse en Exipto7, o Crisóstomo comenta: Ao escoitar isto, Xosé non se escandalizou nin dixo: iso parece un enigma. Ti mesmo nos facías saber non hai moito que El salvaría o seu pobo, e agora non é quen nin de se salvar a si mesmo, senón que temos necesidade de fuxir, de emprender unha viaxe e sufrir un longo desprazamento: iso é contrario á túa promesa. Xosé non discorre dese xeito, porque é un home fiel. Tampouco pregunta polo tempo da volta, malia que o Anxo o deixara indeterminado, posto que lle dixera: está alí —en Exipto— ata que eu cho diga. Así e todo, non se crea dificultades por iso, senón que obedece e cre e soporta todas as probas ledamente8.
A fe de Xosé non vacila, a súa obediencia é sempre estrita e rápida. Para comprender mellor esta lección que nos dá o Santo Patriarca, é bo que consideremos que a súa fe é activa, e que a súa docilidade non presenta a actitude da obediencia do que se deixa arrastrar polos acontecementos. Porque a fe cristiá é o máis oposto ao conformismo, ou á falta de actividade e de enerxía interiores.
Xosé abandonouse sen reservas nas mans de Deus, pero nunca rexeitou reflexionar sobre os acontecementos, e así puido acadar do Señor ese grao de intelixencia das obras de Deus, que é a verdadeira sabedoría. Deste xeito, aprendeu pouco a pouco que os designios sobrenaturais teñen unha coherencia divina, que está ás veces en contradición cos plans humanos.
Nas diversas circunstancias da súa vida, o Patriarca non renuncia a pensar, nin abandona a súa responsabilidade. Pola contra: coloca ao servizo da fe toda a súa experiencia humana. Cando volve de Exipto, oíndo que Arquelao reinaba en Xudea en lugar do seu pai Herodes, temeu ir alá 9. Aprendeu a moverse dentro do plan divino e, como confirmación de que de feito Deus quere iso que el albisca, recibe a indicación de retirarse a Galilea.
Así foi a fe de Xosé: plena, confiada, íntegra, manifestada nunha entrega eficaz á vontade de Deus, nunha obediencia intelixente. E, coa fe, a caridade, o amor. A súa fe fúndese co Amor: co amor de Deus que estaba cumprindo as promesas feitas a Abraham, a Xacobe, a Moisés; co agarimo de esposo a María, e co agarimo de pai cara a Xesús. Fe e amor na esperanza da grande misión que Deus, servíndose tamén del —un carpinteiro de Galilea—, estaba iniciando no mundo: a redención dos homes.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/42/ (14-12-2025)