43

Fe, amor, esperanza: estes son os eixes da vida de san Xosé e os de toda vida cristiá. A entrega de san Xosé aparece tecida dese entrecruzarse de amor fiel, de fe amorosa, de esperanza confiada. A súa festa é, por iso, un bo momento para que todos renovemos a nosa entrega á vocación de cristiáns, que a cada un de nós lle concedeu o Señor.

Cando se desexa sinceramente vivir de fe, de amor e de esperanza, a renovación da entrega non é volver a tomar algo que estaba en desuso. Cando hai fe, amor e esperanza, renovarse é —a pesar dos erros persoais, das caídas e das debilidades— manterse nas mans de Deus: confirmar un camiño de fidelidade. Renovar a entrega é renovar, repito, a fidelidade ao que o Señor quere de nós: amar con obras.

O amor ten necesariamente as súas manifestacións características. Por veces fálase do amor como se fose un impulso cara á propia satisfacción, ou un mero recurso para completar egoistamente a propia personalidade. E non é así: amor verdadeiro é saír de si mesmo, entregarse. O amor trae consigo a alegría, pero é unha alegría que ten as súas raíces en forma de cruz. Mentres esteamos na terra e non cheguemos á plenitude da vida futura, non pode haber amor verdadeiro sen experiencia do sacrificio, da dor. Unha dor que se gorenta, que é amable, que é fonte de íntimo gozo, pero dor real, porque supón vencer o propio egoísmo, e tomar o Amor como regra de todas e de cada unha das nosas accións.

Este punto noutro idioma