44
As obras do Amor son sempre grandes, aínda que se trate de cousas pequenas en aparencia. Deus achegouse aos homes, pobres criaturas, e díxonos que nos ama: Deliciae meae esse cum filiis hominum10, as miñas delicias son estar entre os fillos dos homes. O Señor dános a coñecer que todo ten importancia: as accións que, con ollos humanos, consideramos extraordinarias; esoutras que, pola contra, cualificamos de pouca categoría. Nada se perde. Ningún home é desprezado por Deus. Todos, seguindo cada un a súa propia vocación —no seu fogar, na súa profesión ou oficio, no cumprimento das obrigas que lle corresponden polo seu estado, nos seus deberes de cidadán, no exercicio dos seus dereitos—, estamos chamados a participar do reino dos ceos.
Iso apréndenos a vida de san Xosé: sinxela, normal e ordinaria, feita de anos de traballo sempre igual, de días huma-namente monótonos, que se suceden os uns aos outros. Penseino moitas veces, ao meditar sobre a figura de san Xosé, e esta é unha das razóns que fan que sinta por el unha devoción especial.
Cando no seu discurso de clausura da primeira sesión do concilio Vaticano II, o pasado 8 de decembro, o Santo Pai Xoán XXIII anunciou que no canon da misa se faría mención do nome de san Xosé, unha altísima personalidade eclesiástica chamoume de seguido por teléfono para dicirme: Rellegamenti!Parabéns!: ao escoitar ese anuncio pensei axiña en vostede, na ledicia que lle tería producido. E así era: porque na asemblea conciliar, que representa á Igrexa enteira reunida no Espírito Santo, proclámase o inmenso valor sobrenatural da vida de san Xosé, o valor dunha vida sinxela de traballo cara a Deus, en total cumprimento da divina vontade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/44/ (14-12-2025)