46

A fe e a vocación de cristiáns afectan a toda a nosa existencia, e non só a unha parte. As relacións con Deus son necesariamente relacións de entrega, e asumen un sentido de totalidade. A actitude do home de fe é mirar a vida, con todas as súas dimensións, desde unha perspectiva nova: a que Deus nos dá.

Vós, que celebrades hoxe comigo esta festa de san Xosé, sodes todos homes dedicados ao traballo en diversas profesións humanas, formades diversos fogares, pertencedes a tan distintas nacións, razas e linguas. Educástesvos en aulas de centros docentes ou en obradoiros e oficinas, exercestes durante anos a vosa profesión, mantivestes relacións profesionais e persoais cos vosos colegas, participastes na solución dos problemas colectivos das vosas empresas e da vosa sociedade.

Pois ben: lémbrovos, unha vez máis, que todo iso non é alleo aos plans divinos. A vosa vocación humana é parte, e parte importante, da vosa vocación divina. Esta é a razón pola que vos tedes que santificar, contribuíndo ao mesmo tempo á santificación dos demais, dos vosos iguais, precisamente santificando o voso traballo e o voso ambiente: esa profesión ou oficio que enche os vosos días, que dá fisionomía particular á vosa personalidade humana, que é a vosa maneira de estar no mundo; ese fogar, esa familia vosa; e esa nación, na que nacestes e á que amades.

Este punto noutro idioma