51
Pero tamén ese servir humano, esa capacidade que poderiamos chamar técnica, ese saber realizar o propio oficio, ten que estar informado por un trazo que foi fundamental no traballo de san Xosé e debería ser fundamental en todo cristián: o espírito de servizo, o desexo de traballar para contribuír ao ben dos demais homes. O traballo de Xosé non foi un labor que mirase cara á autoafirmación, aínda que a súa dedicación a unha vida operativa forxase nel unha personalidade madura, ben debuxada. O Patriarca traballa coa conciencia de cumprir a vontade de Deus, pensando no ben dos seus, Xesús e María, e tendo presente o ben de todos os habitantes da pequena Nazaret.
En Nazaret, Xosé sería un dos poucos artesáns, se é que non era o único. Carpinteiro, posiblemente. Mais, como adoi-ta acontecer nas vilas pequenas, tamén sería quen de facer outras cousas: poñer de novo en marcha un muíño, que non funcionaba. Ou arranxar antes do inverno as fendas dun teito. Xosé quitaba de apuros a moitos, sen dúbida, cun traballo ben acabado. Era o seu labor profesional unha ocupación orientada cara ao servizo, para facer agradable a vida das demais familias da aldea, e acompañado dun sorriso, dunha palabra amable, dun comentario dito como de pasada, pero que devolve a fe e a ledicia a quen está a piques de perdelas.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/51/ (14-12-2025)