53

Xa temos falado moito deste tema noutras ocasións, pero permitídeme insistir de novo na naturalidade e na sinxeleza da vida de san Xosé, que non se afastaba dos seus veciños nin levantaba barreiras innecesarias.

Por iso, aínda que quizais sexa conveniente nalgúns momentos ou nalgunhas ocasións, de ordinario non me gusta falar de obreiros católicos, de enxeñeiros católicos, de médicos católicos, etc., coma se fosen unha especie dentro dun xénero, coma se os católicos formasen un grupiño separado dos demais, cre ando dese xeito a sensación de que hai un foxo entre os cristiáns e o resto da Humanidade. Respecto a opinión oposta, pero penso que é moito máis propio falar de obreiros que son católicos, ou de católicos que son obreiros; de enxeñeiros que son católicos, ou de católicos que son enxeñeiros. Porque o home que ten fe e exerce unha profesión intelectual, técnica ou manual, é e séntese unido aos demais, igual aos demais, cos mesmos dereitos e obrigas, co mesmo desexo de mellorar, co mesmo afán de enfrontarse cos problemas comúns e de atoparlles solucións.

O católico, asumindo todo iso, saberá facer da súa vida diaria un testemuño de fe, de esperanza e de caridade; testemuño sinxelo, normal, sen necesidade de manifestacións aparatosas, poñendo de relevo —coa coherencia da súa vida— a constante presenza da Igrexa no mundo, xa que todos os católicos son eles mesmos Igrexa, pois son membros con pleno dereito do único Pobo de Deus.

Este punto noutro idioma