54
O trato de Xosé con Xesús
Desde hai tempo gústame recitar unha conmovedora invocación a san Xosé, que nos propón a mesma Igrexa, entre as oracións preparatorias da Misa: Xosé, home benaventurado e feliz, ao que lle foi concedido ver e oír ao Deus, a quen moitos reis quixeron ver e oír, e non o viron nin o oíron. E non só velo e oílo senón levalo no colo, bicalo, vestilo e custodialo: roga por nós. Esta oración serviranos para entrar no derradeiro tema que vou tocar hoxe: o trato entrañable de Xosé con Xesús.
Para san Xosé, a vida de Xesús foi un continuo descubrimento da propia vocación. Lembrabamos antes aqueles primeiros anos cheos de circunstancias en aparente contraste: glorificación e fuxida, maxestade dos Magos e pobreza da cova, canto dos Anxos e silencio dos homes. Cando chega o momento de presentar o Neno no Templo, Xosé, que leva a ofrenda modesta dun par de rulas, ve como Simión e Ana proclaman que Xesús é o Mesías. O seu pai e a súa nai escoitaban con admiración20, di san Lucas. Máis tarde, cando o Neno queda no Templo sen que María e Xosé o saiban, ao atopalo de novo despois de tres días na súa procura, o mesmo evanxelista narra que se marabillaron21.
Xosé sorpréndese, Xosé admírase. Deus vaille revelando os seus designios e el esfórzase por entendelos. Como toda alma que quere seguir de preto a Xesús, descobre de seguido que non é posible andar cun paso cansado, que non cabe a rutina. Porque Deus non se conforma coa estabilidade nun nivel conseguido, co descanso no que xa se ten. Deus esixe continuamente máis, e os seus camiños non son os nosos humanos camiños. San Xosé, como ningún home antes e despois del, aprendeu de Xesús a estar atento para recoñecer as marabillas de Deus, a ter a alma e o corazón abertos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/54/ (14-12-2025)