55

Pero se Xosé aprendeu de Xesús a vivir dun modo divino, atreveríame a dicir que, no humano, lle ensinou moitas cousas ao Fillo de Deus. Hai algo que non me acaba de gustar no título de pai putativo, con que por veces se designa a Xosé, porque ten o perigo de facer pensar que as relacións entre Xosé  e Xesús eran frías e exteriores. Certamente a nosa fe dinos que non era pai segundo a carne, pero non é esa a única paternidade.

A Xosé —lemos nun sermón de santo Agostiño— non só se lle debe o nome de pai, senón que se lle debe máis ca ningún outro. E logo engade: como era pai? Tanto máis profundamente pai, canto máis casta foi a súa paternidade. Algúns pensaban que era pai do Noso Señor Xesucristo, da mesma forma que son pais os demais, que xeran segundo a carne, e non só reciben os seus fillos como froito do seu afecto espiritual. Por iso di san Lucas: pensábase que era pai de Xesús. Por que di só pensábase? Porque o pensamento e o xuízo humanos refírense ao que adoita suceder entre os homes. E o Señor non naceu do xerme de Xosé. Non obstante, á piedade e á caridade de Xosé, naceulle un fillo da Virxe María, que era Fillo de Deus22.

Xosé amou a Xesús como un pai ama o seu fillo, tratouno dándolle todo o mellor que tiña. Xosé, coidando daquel Neno, como lle fora ordenado, fixo de Xesús un artesán: transmitiulle o seu oficio. Por iso os veciños de Nazaret falarán de Xesús, chamándoo indistintamente faber e fabri filius23: artesán e fillo do artesán. Xesús traballou no obradoiro de Xosé e a carón de Xosé. Como sería Xosé, como obraría nel a graza, para ser quen de levar a cabo a tarefa de sacar adiante no humano ao fillo de  Deus?

Porque Xesús debía parecerse a Xosé: no modo de traballar, nos trazos do seu carácter, no xeito de falar. No realismo de Xesús, no seu espírito de observación, no seu xeito de sentarse á mesa e de partir o pan, no seu gusto por expor a doutrina dunha maneira concreta, tomando exemplo das cousas da vida ordinaria, reflíctese o que foi a infancia e a mocidade de Xesús e, polo tanto, o seu trato con Xosé.

Non é posible descoñecer o sublime do misterio. Ese Xesús que é home, que fala co acento dunha rexión determinada de Israel, que se parece a un artesán chamado Xosé, ese é o Fillo de Deus. E, quen lle pode aprender algo a Deus? Mais é realmente home, e vive normalmente: primeiro como neno, logo como rapaz, que axuda no obradoiro de Xosé; finalmente como un home maduro, na plenitude da súa idade. Xesús medraba en sabedoría,en idade e en graza diante de Deus e dos homes24.

Notas
22

Santo Agostiño, Sermo 51, 20 (PL 38, 351).

23

Mc VI, 3; Mt XIII, 55.

24

Lc II, 52.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma