57

Entramos no tempo de Coresma: un tempo de penitencia, de purificación, de conversión. Non é tarefa fácil. O cristianismo non é un camiño cómodo: non basta estar na Igrexa e deixar que pasen os anos. Na nosa vida, na vida dos cristiáns, a conversión primeira —ese momento único, que cadaquén lembra, no que se advirte claramente todo o que o Señor nos pide— é importante; pero máis importante aínda e máis difíciles, son as sucesivas conversións. Para facilitar o labor da graza divina con estas conversións sucesivas, cómpre manter a alma moza, invocar o Señor, saber oír, descubrir o que vai mal, pedir perdón.

Invocabit me et ego exaudiam eum, lemos na liturxia desde domingo1: se acudides a min, eu escoitareivos, di o Señor. Considerade esta marabilla do coidado de Deus connosco, disposto sempre a oírnos, pendente en cada momento da palabra do home. En todo tempo —pero dun xeito especial agora, porque o noso corazón está ben disposto, decidido a purificarse— , El óenos, e non desatenderá o que lle pide un corazón contrito e humillado2.

O Señor óenos, para intervir, para meterse na nosa vida, para librarnos do mal e enchernos de ben: eripiam eum et glori ficabo eum3, librareino e glorificareino, di do home. Esperanza de gloria, polo tanto: xa temos aquí, como outras veces, o comezo deste movemento íntimo, que é a vida espiritual. A  esperanza desa glorificación acentúa a nosa fe e estimula a nosa caridade. Deste xeito, as tres virtudes teologais, virtudes divinas, que nos asemellan ao noso Pai Deus, puxéronse en movemento.

Que mellor maneira de comezar a Coresma? Renovamos a fe, a esperanza, a caridade. Esta é a fonte do espírito de penitencia, do desexo de purificación. A Coresma non é só unha ocasión para intensificar as nosas prácticas externas de mortificación: se pensásemos que é só iso, escaparíasenos o seu fondo sentido na vida cristiá, porque eses actos externos son —repito— froito da fe, da esperanza e do amor.

Notas
1

Ps XC, 15 (Introito da Misa).

2

Ps L, 19.

3

Ps XC, 15 (Introito da Misa).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma