58

A arriscada seguridade do cristián

58 Qui habitat in adiutorio Altissimi, in protectione Dei coeli commorabitur4, habitar baixo a protección de Deus, vivir con Deus: esta é a arriscada seguridade do cristián. Hai que estar persuadidos de que Deus nos oe, de que está pendente de nós: dese xeito encherase de paz o noso corazón. Mais vivir con Deus é indubidablemente correr un risco, porque o Señor non se contenta compartindo: quéreo todo. E achegarse un pouco máis a El quere dicir estar disposto a unha nova conversión, a unha nova rectificación, a escoitar máis atentamente as súas inspiracións, os santos desexos que fai abrollar na nosa alma, e poñelos por obra.

Desde a nosa primeira decisión consciente de vivir con integridade a doutrina de Cristo, é seguro que fomos avanzando moito no camiño da fidelidade a súa Palabra. Así e todo, non é verdade que quedan aínda tantas cousas por facer?, non é verdade que queda, sobre todo, tanta soberbia? É preciso, sen dúbida, unha nova mudanza, unha lealdade máis plena, unha humildade máis profunda, de xeito que, diminuíndo o noso egoísmo, creza Cristo en nós, xa que illum oportet crescere, me autem minui 5, fai falta que El medre e que eu diminúa.

Non é posible quedar inmóbiles. Cómpre ir adiante cara á meta que san Paulo sinalaba: non son eu o que vivo, senón que Cristo vive en min6. A ambición é alta e nobilísima: a identificación con Cristo, a santidade. Pero non hai outro camiño, cando se desexa ser coherente coa vida divina que, polo Bautismo, Deus fixo nacer nas nosas almas. O avance é progreso en santidade; o retroceso é negarse ao desenvolvemento normal da vida cristiá. Porque o lume do amor de Deus necesita ser alimentado, crecer cada día, arraigándose na alma; e o lume mantense vivo queimando cousas novas. Por iso, se non se fai máis grande, vai camiño de se extinguir.

Lembrade as palabras de santo Agostiño. «Se dixeses basta, estás perdido. Vai sempre a máis, camiña sempre, progresa sempre. Non permanezas no mesmo sitio, non retrocedas, non te desvíes»7.

A Coresma ponnos agora diante destas preguntas fundamentais: avanzo na miña fidelidade a Cristo?, en desexos de santidade?, en xenerosidade apostólica na miña vida diaria, no  meu traballo ordinario entre os meus compañeiros de profesión?

Cadaquén, sen ruído de palabras, que conteste estas preguntas, e verá como é necesaria unha nova transformación, para que Cristo viva en nós, para que a súa imaxe se reflicta limpamente na nosa conduta.

Se alguén quere vir após de min, néguese a si mesmo, tome a súa cruz cada día e sígame8. Dínolo Cristo outra vez a nós, como á orella, intimamente: a Cruz cada día.Non só —escribe san Xerome— en tempo de persecución, ou cando se presenta a posibilidade do martirio, senón en toda situación, en toda obra, en todo pensamento, en toda palabra, neguemos aquilo que antes eramos e confesemos o que agora somos, posto que renacemos en Cristo9.

Estas consideracións non son en realidade máis que o eco daqueloutras do Apóstolo: é verdade que noutro tempo non erades senón tebras, mais agora sodes luz no Señor; e así, procedede como fillos da luz. O froito da luz consiste en camiñar con toda bondade e xustiza e verdade: buscando o que é agradable a Deus10.

A conversión é cousa dun intre; a santificación é tarefa para toda a vida. A semente divina da caridade, que Deus puxo nas nosas almas, aspira a medrar, a manifestarse en obras, a dar froitos que respondan en cada momento ao que é agradable ao Señor. É indispensable por iso estar dispostos a recomezar, a reencontrar —nas novas situacións da nosa vida— a luz, o pulo da primeira conversión. E esta é a razón pola que temos que nos preparar cun exame fondo, pedíndolle axuda ao Señor, para que poidamos coñecelo mellor e nos coñezamos mellor a nós mesmos. Non hai outro camiño, se nos temos que converter de novo.

Notas
4

Ps XC, 1 (Introito da Misa).

5

Ioh III, 30.

6

Gal II, 20.

7

Santo Agostiño, Sermo 169, 15 (PL 38, 926).

8

Lc IX, 23.

9

San Xerome, Epistula 121, 3 (PL 22, 1013).

10

Eph V, 8-10.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma