59

O tempo oportuno

59 Exhortamur ne in vacuum gratiam Dei recipiatis11, exhortámosvos a non recibir en van a graza de Deus. Porque a graza divina poderá encher as nosas almas nesta Coresma, sempre que non pechemos as portas do corazón. Temos que ter estas boas disposicións, o desexo de transformarnos de verdade, de non xogar coa graza do Señor.

Non me gusta falar de temor, porque o que lle move ao cristián é a Caridade de Deus, que se nos manifestou en Cristo e que nos aprende a amar a todos os homes e á creación enteira; pero si debemos falar de responsabilidade, de seriedade. Non vos queirades enganar a vós mesmos: de Deus ninguén se burla12, advírtenos o mesmo Apóstolo.

Hai que se decidir. Non é lícito vivir mantendo acesas esas dúas candeas que, segundo o dito popular, todo home se procura: unha a san Miguel e outra ao diabo. Hai que apagar a candea do diabo. Temos que consumir a nosa vida facendo que arda toda enteira ao servizo do Señor. Se o noso afán de santidade é sincero, se temos a docilidade de poñérmonos nas mans de Deus, todo irá ben. Porque El está sempre disposto a darnos a súa graza, e, especialmente neste tempo, a graza para unha nova conversión, para unha mellora da nosa vida de cristiáns.

Non podemos considerar esta Coresma como unha época máis, repetición cíclica do tempo litúrxico. Este momento é único: é unha axuda divina que hai que acoller. Xesús pasa ao noso carón e espera de nós —hoxe, agora— unha gran mudanza.

Ecce nunc tempus acceptabile, ecce nunc dies salutis13: este é o tempo oportuno, que pode ser o día da salvación. Outra vez se escoitan os asubíos do bo Pastor, con esa chamada agarimosa: ego vocavi te nomine tuo14. Chámanos a cada un polo noso nome, co alcume familiar co que nos chaman as persoas que nos queren. A tenrura de Xesús, por nós, non cabe en palabras.

Considerade comigo esta marabilla do amor de Deus: o Señor que sae ao noso encontro, que espera, que se coloca á beira do camiño para que non teñamos máis remedio que o ver. E chámanos persoalmente, falándonos das nosas cousas, que son tamén as súas, movendo a nosa conciencia á compunción, abríndoa á xenerosidade, imprimindo nas nosa almas a ilusión de ser fieis, de podérmonos chamar discípulos seus. Abonda percibir esas íntimas palabras da graza, que son como un reproche tantas veces afectuoso, para que nos decatemos de que non nos esqueceu en todo o tempo en que, pola nosa culpa, non o vimos. Cristo quérenos co agarimo inesgotable que cabe no seu Corazón de Deus.

Mirade como insiste: escoiteite no tempo oportuno, axudeite no día da salvación15. Xa que El promete a gloria, o seu amor, e dáche a oportunidade, e chámate, ti que lle vas dar ao Señor?, como responderás, como responderei tamén eu, a ese amor de Xesús que pasa?

Ecce nunc dies salutis, aquí está, fronte a nós, este día de salvación. A chamada do bo Pastor chega ata nós: ego vocavi te nomine tuo, chameite a ti, polo teu nome. Hai que contestar —amor con amor se paga— dicindo: ecce ego quia vocasti me16, chamáchesme e aquí estou. Estou decidido a que non pase este tempo de Coresma como pasa a auga polas pedras, sen deixar rastro. Deixareime empapar, transformar; convertereime, dirixireime de novo ao Señor, queréndolle como El desexa ser querido.

Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, e con toda a túa alma, e con toda a túa mente17. «Que queda do teu corazón, comenta santo Agostiño, para que poidas amarte a ti mesmo?, que queda da túa alma, que da túa mente? Ex toto, di. Totum exigit te, qui fecit te»18; quen te fixo esixe todo de ti.

Notas
11

2 Cor VI, 1 (Epístola da Misa).

12

Gal VI, 7.

13

2 Cor VI, 2 (Epístola da Misa).

14

Is XLIII, 1.

15

Cor VI, 2 (Epístola da Misa).

16

1 Reg III, 9.

17

Mt XXII, 37.

18

Sermo 34, 4, 7 (PL 38, 212).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma