6
O outro inimigo, escribe san Xoán, é a concupiscencia dos ollos, unha avaricia de fondo, que leva a valorar só o que se pode tocar. Os ollos que se quedan como pegados ás cousas terreas, pero tamén os ollos que, por iso mesmo, non saben descubrir as realidades sobrenaturais. Polo tanto, podemos utilizar a expresión da Sagrada Escritura para referírmonos á avaricia dos bens materiais, e ademais a esa deformación que leva a observar o que nos arrodea —os demais, as circunstancias da nosa vida e do noso tempo— só con visión humana.
Os ollos da alma embóutanse; a razón crese suficiente para entender todo, prescindindo de Deus. É unha tentación sutil que se ampara na dignidade da intelixencia, que o Noso Pai Deus lle deu ao home para que o coñeza e o ame libremente. Arrastrada por esa tentación, a intelixencia humana considérase o centro do universo, entusiásmase de novo co seredes como deuses22 e, ao encherse de amor por si mesma, volve as costas ao amor de Deus.
A nosa existencia pode, dese xeito, entregarse sen condicións nas mans dun terceiro inimigo, da superbia vitae. Non se trata só de pensamentos efémeros de vaidade ou de amor propio: é una fachenda xeneralizada. Non nos enganemos, porque este é o peor dos males, a raíz de todos os afastamentos do bo camiño. A loita contra a soberbia ten que ser constante, que non en van se dixo graficamente que esta paixón morre un día despois de que cada persoa morra. É a altiveza do fariseo, ao que Deus se resiste a xustificar, porque atopa nel unha barreira de autosuficiencia. É a arrogancia, que conduce a desprezar os demais homes, a dominalos, a maltratalos: porque onde hai soberbia alíhai ofensa e deshonra23.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/6/ (14-12-2025)