60

Despois desta protesta de amor, temos que nos comportar como amadores de Deus. In omnibus exhibeamus nosmetipsos sicut Dei ministros19, comportémonos en todas as cousas como servidores do Señor. Se te dás como El quere, a acción da graza manifestarase na túa conduta profesional, no teu traballo, no empeño para facer ao divino as cousas humanas, grandes e pe quenas, porque polo Amor todas adquiren unha nova dimensión.

Mais nesta Coresma non podemos esquecer que querer ser servidores de Deus non é fácil. Sigamos co texto de san Paulo, que recolle a Epístola da Misa deste domingo, para lembrar as dificultades: Como servidores de Deus —escribe o Apóstolo—, con moita paciencia no medio de tribulacións, de necesidades, de angustias, de azoutes, de cárceres, de sedicións, de traballos, de vixilias, de xaxúns; con pureza, con doutrina, con longanimidade, con mansedume, con Espírito Santo, con caridade sincera, con palabras de verdade, con fortaleza de Deus20.

Nos momentos máis dispares da vida, en todas as situacións, temos que nos comportar como servidores de Deus, sabendo que o Señor está connosco, que somos os seus fillos. Temos que ser conscientes desa raíz divina, que está enxertada na nosa vida, e actuar en consecuencia.

Estas palabras do Apóstolo débenvos encher de ledicia, porque son como unha canonización da vosa vocación de cristiáns correntes, que vivides no medio do mundo, compartindo cos demais homes, os vosos iguais, afáns, traballos e alegrías. Todo iso é camiño divino. O que vos pide o Señor é que, en todo momento, obredes como os seus verdadeiros servidores.

Pero estas circunstancias ordinarias da vida serán camiño divino, se de verdade nos convertemos, se nos entregamos. Porque san Paulo fala unha linguaxe dura. Promételle ao cristián unha vida difícil, arriscada, en perpetua tensión. Como foi desfigurado o cristianismo, cando se quixo facer del unha vía cómoda! Mais tamén é unha desfiguración da verdade pensar que esa vida fonda e seria, que coñece vivamente todos os atrancos da existencia humana, sexa unha vida de angustia, de opresión ou de temor.

O cristián é realista, cun realismo sobrenatural e humano, que advirte todos os matices da vida: a dor e a alegría, o sufrimento propio e o alleo, a certeza e a perplexidade, a xenerosidade e a tendencia ao egoísmo. O cristián coñece todo e enfróntase con todo, cheo de enteireza humana e da fortaleza que recibe de Deus.

Notas
19

2 Cor VI, 4 (Epístola da Misa).

20

2 Cor VI, 4-7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma