61
As tentacións de Cristo
A Coresma conmemora os corenta días que pasou Xesús no deserto, como preparación deses anos de predicación, que culminan na Cruz e na gloria da Pascua. Corenta días de oración e de penitencia. Ao remate, tivo lugar a escena que a liturxia de hoxe ofrece á nosa consideración, recolléndoa no Evanxeo da Misa: as tentacións de Cristo21.
Unha escena inzada de misterio, que o home pretende en van entender —Deus que se somete á tentación, que deixa facer ao Maligno— pero que pode ser meditada, pedindo ao Señor que nos faga saber a ensinanza que contén.
Xesucristo tentado. A tradición ilustra esta escena considerando que o Noso Señor, para darnos exemplo en todo, quixo tamén sufrir a tentación. Así é, porque Cristo foi perfecto Home, igual a nós, agás no pecado22. Despois de corenta días de xaxún, co só alimento —quizais— de herbas e raíces e du nha pouca auga, Xesús sente fame: fame de verdade, como calquera criatura. E cando o diabo lle propón que converta en pan as pedras, Noso Señor non só rexeita o alimento que o seu corpo pedía, senón que arreda de si unha incitación maior: a de usar o poder divino para remediar, se podemos falar así, un problema persoal.
Notariádelo ao longo dos Evanxeos: Xesús non fai milagres en beneficio propio. Converte a auga en viño para os esposos de Caná23; multiplica os pans e os peixes, para dar de comer a unha multitude famenta24. Pero El gaña o pan, durante longos anos, co seu propio traballo. E, máis tarde, durante o tempo do seu peregrinar por terras de Israel, vive coa axuda daqueles que o seguen25.
Relata san Xoán que despois dunha longa camiñada, ao chegar ao pozo de Sicar, fai que os seus discípulos vaian mercar comida á vila; e vendo chegar á samaritana, pídelle auga, porque El non tiña con que obtela26. O seu corpo fatigado polo longo camiñar experimenta o cansazo, e outras veces, para repoñer as forzas, acode ao sono27. Xenerosidade do Señor que se humillou, que aceptou de cheo a condición humana, que non se serve do seu poder de Deus para fuxir das dificultades ou do esforzo. Que nos aprende a ser rexos, a amar o traballo, a apreciar a nobreza humana e divina de saborear as consecuencias da entrega.
Na segunda tentación, cando o diabo lle propón que se lance desde o alto do Templo, rexeita Xesús de novo ese querer servirse do seu poder divino. Cristo non busca a vangloria, o aparato, a comedia humana que intenta utilizar a Deus como pano de fondo da propia excelencia. Xesucristo quere cumprir a vontade do Pai sen adiantar os tempos nin anticipar a hora dos milagres, senón percorrendo paso a paso o duro vieiro dos homes, o amable camiño da Cruz.
Algo moi semellante vemos na terceira tentación: ofrécenselle reinos, poder, gloria. O demo pretende estender, a ambicións humanas, esa actitude que se debe reservar só a Deus: promete unha vida fácil ao que se axeonlla perante del, perante dos ídolos. O Noso Señor reconduce a adoración ao seu único e verdadeiro fin, Deus, e reafirma a súa vontade de servir: arrédate Satanás; porque está escrito: adorarás o Señor o teu Deus e a El só servirás28.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/61/ (14-12-2025)