63

Xesús díxolle que non ao demo, ao príncipe da tebras. E  de seguido maniféstase a luz. Con iso deixouno o diabo; velaquí que se lle achegaron os anxos e servíano32. Xesús soportou a proba. Unha proba real, porque, comenta santo Ambrosio, non obrou como Deus usando do seu poder (de que, entón, nos aproveitaría o seu exemplo?), senón que, como home, serviuse dos auxilios que ten en común connosco33.

O demo, con intención torcida, citou o Antigo Testamento: Deus mandará aos seus anxos, para que protexan o xusto en todos os seus camiños34. Mais Xesús, rexeitando tentar ao seu Pai, devolvelle a esa pasaxe bíblica todo o seu sentido. E, como premio a súa fidelidade, cando chega a hora, preséntanse os mensaxeiros de Deus Pai para servilo.

Paga a pena considerar este modo, que Satanás utilizou con Xesucristo Noso Señor: argumenta con textos dos libros sagrados, torcendo, desfigurando de modo blasfemo o seu sentido. Xesús non se deixa enganar: ben coñece o Verbo feito carne a Palabra divina, escrita para salvación dos homes, e non para confusión e condena. Quen está unido a Xesucristo polo Amor, podemos concluír, non se deixará enganar nunca por un manexo fraudulento da Escritura Santa, porque sabe que é típica obra do diabo tratar de confundir a conciencia cristiá, discorrendo dolosamente cos mesmos termos empregados pola eterna Sabedoría, intentando facer —da luz— tebras.

Contemplemos un pouco esta intervención dos anxos na vida de Xesús, porque así entenderemos mellor o seu papel —a misión anxélica— en toda a vida humana. A tradición cristiá describe aos Anxos Custodios como uns grandes amigos, postos por Deus a carón de cada home, para que o acompañen nos seus camiños. E por iso invítanos a tratalos, a acudir a eles.

A Igrexa, ao facernos meditar estas pasaxes da vida de Cristo, lémbranos que, no tempo de Coresma, no que nos recoñecemos pecadores, cheos de miserias, necesitados de purificación, tamén cabe ledicia. Porque a Coresma é simultaneamente tempo de fortaleza e de gozo: temos que nos encher de alento xa que a graza do Señor non nos faltará, porque Deus estará ao noso carón e enviará aos seus Anxos, para que sexan os nosos compañeiros de viaxe, os nosos prudentes conselleiros ao longo do camiño, os nosos colaboradores en todas as nosas empresas. In manibus portabunt te, ne forte offendas ad lapidem pedem tuum35, segue o salmo: os Anxos levarante coas súas mans, para que o teu pé non tropece en pedra ningunha.

Hai que saber tratar os Anxos. Acudir a eles agora, dicirlle ao teu Anxo Custodio que estas augas sobrenaturais da Coresma non escorregaron pola túa alma, senón que penetraron ata o fondo, porque tes o corazón contrito. Pídelles que lle leven ao Señor esa boa vontade, que a graza fixo xermolar da nosa miseria, como un lirio que agromou na esterqueira. Santi Angeli, Custodes nostri: defendite nos in proelio, ut non pereamus in tremendo iudicio36. Santos Anxos Custodios: defendédenos na batalla, para que non perezamos no tremendo xuízo.

Notas
32

Mt IV, 11.

33

Santo Ambrosio, Expositio Evangelii secundum Lucam, 1, 4, 20 (PL 15, 1525).

34

Ps XC, 11 (Tracto da Misa).

35

Ps XC, 12 (Tracto da Misa).

36

Dunha oración dirixida a san Miguel, nas festas litúrxicas que lle dedica o Misal Romano.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma