64
Filiación divina
Como se explica esa oración confiada, ese saber que non pereceremos na batalla? É un convencemento que arrinca du nha realidade que nunca me cansarei de admirar: a nosa filiación divina. O Señor que, nesta Coresma, pide que nos convertamos, non é un Dominador tiránico, nin un Xuíz ríxido e implacable: é o noso Pai. Fálanos dos nosos pecados, dos nosos erros, da nosa falta de xenerosidade: mais é para librarnos deles, para prometernos a súa Amizade e o seu Amor. A conciencia da nosa filiación divina dá ledicia á nosa conversión: dinos que estamos volvendo cara á casa do Pai.
A filiación divina é o fundamento do espírito do Opus Dei. Todos os homes son fillos de Deus. Pero un fillo pode reaccionar fronte ao seu pai, de moitas maneiras. Hai que se esforzar por ser fillos que se procuren decatar de que o Señor, ao querernos como fillos, fixo que vivamos na súa casa, no medio deste mundo, que sexamos da súa familia, que o seu sexa noso e o noso seu, que teñamos esa familiaridade e confianza con El que nos fai pedir, como o neno pequecho, a lúa!
Un fillo de Deus trata o Señor como Pai. O seu trato non é un obsequio servil, nin unha reverencia formal, de mera cortesía, senón que está cheo de sinceridade e de confianza. Deus non se escandaliza dos homes. Deus non se cansa das nosas infidelidades. Noso Pai do Ceo perdoa calquera ofensa, cando o fillo volve de novo a El, cando se arrepinte e pide perdón. Noso Señor é tan Pai que prevé os nosos desexos de ser perdoa-dos, e adiántase, abríndonos os seus brazos coa súa graza.
Mirade que non estou a inventar nada. Lembrade aquela parábola que nos contou o Fillo de Deus para que entendésemos o amor do Pai que está nos ceos: a parábola do fillo pródigo37.
Cando aínda estaba lonxe, di a Escritura, viuno o seu pai e se lle entenreceron as entrañas e correndo cara a el, botoulle os brazos ao pescozo e deulle mil bicos38. Estas son as palabras do libro sagrado: deulle mil bicos, comíao a bicos. Pódese falar máis humanamente? Pódese describir de xeito máis gráfico o amor paternal de Deus polos homes?
Perante un Deus que corre cara a nós, non podemos calar, e dirémoslle con san Paulo, Abba, Pater! 39, Pai, meu Pai!, porque, sendo o Creador do universo, non lle importa que non utilicemos títulos de moita sona, nin bota a faltar a debida confesión do seu señorío. Quere que lle chamemos Pai, que saboreemos esa verba, enchéndonos a alma de gozo.
A vida humana é, dalgún xeito, un constante volver cara á casa do noso Pai. Volver mediante a contrición, esa conversión do corazón que supón o desexo de cambiar, a decisión firme de mellorar a nosa vida, e que —polo tanto— se manifesta en obras de sacrificio e de entrega. Volver cara á casa do Pai, por medio dese sacramento do perdón no que, ao confesar os nosos pecados, revestímonos de Cristo e facémonos así seus irmáns, membros da familia de Deus.
Deus espéranos, como o pai da parábola, estendidos os brazos, aínda que non o merezamos. Non importa a nosa débeda. Como no caso do fillo pródigo, só fai falta que abramos o corazón, que teñamos saudade do fogar do noso Pai, que nos marabillemos e nos alegremos ante o don que Deus nos fai de podernos chamar e de sermos, a pesar de tanta falta de correspondencia pola nosa parte, verdadeiramente fillos seus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/64/ (14-12-2025)