66

A liturxia da Coresma toma por veces acentos tráxicos, consecuencia da meditación do que significa para o home afastarse de Deus. Pero esta conclusión non é a derradeira palabra. Deus di a derradeira palabra, e é a palabra do seu amor salvador e misericordioso e, polo tanto, a palabra da nosa filiación divina. Por iso repítovos hoxe con san Xoán: vede que amor por nós tivo o Pai, querendo que nos chamemos fillos de Deus e que o sexamos en efecto47. Fillos de Deus, irmáns do Verbo feito carne, de Aquel de quen se dixo: nel estaba a vida, e a vida era a luz dos homes48. Fillos da luz, irmáns da luz: iso somos. Portadores da única chama capaz de acender os corazóns feitos de carne.

Ao calar eu agora e seguir a Santa Misa, cada un de vós debe considerar que lle pide o Señor, que propósitos, que decisións quere promover nel a acción da graza. E, ao notar esas esixencias sobrenaturais e humanas de entrega e de loita, lembrade que Xesucristo é o noso modelo. E que Xesús, sendo Deus, permitiu que o tentasen: para que dese xeito nos enchamos de ánimo e esteamos seguros da vitoria. Porque El non perde batallas e, achándonos unidos a El, nunca seremos venci-dos, senón que nos poderemos chamar e ser de verdade ven-cedores: bos fillos de Deus.

Que vivamos contentos. Eu estou contento. Non o debería estar, mirando a miña vida, facendo ese exame de conciencia persoal que nos pide este tempo litúrxico da Coresma. Pero síntome contento, porque vexo que o Señor me busca unha vez máis, que o Señor segue sendo o meu Pai. Sei que vós e mais eu, decididamente, co resplandor e a axuda da graza, veremos que cousas hai que queimar, e queimarémolas; que cousas hai que arrincar, e arrincarémolas; que cousas hai que entregar, e entregarémolas.

A tarefa non é fácil. Pero contamos cun guía claro, cunha realidade da que non debemos nin podemos prescindir: somos amados por Deus, e deixaremos que o Espírito Santo actúe en nós e nos purifique, para poder, dese xeito, abrazarnos ao Fillo de Deus na Cruz, resucitando logo con El, porque a ledicia da Resurrección está enraizada na Cruz.

María, nosa Nai, auxilium christianorum, refugium peccatorum: intercede perante o teu Fillo, para que nos envíe ao Espírito Santo, que esperte nos nosos corazóns a decisión de camiñar con paso firme e seguro, facendo soar no máis fondo da nosa alma a chamada que encheu de paz o martirio dun dos pri-meiros cristiáns: veni ad Patrem49, vén, volve ao teu Pai que te espera.

Notas
47

1 Ioh III, 1.

48

Ioh I, 4.

49

Santo Ignacio de Antioquía. Epistola ad Romanos, 7, 2 (PG 5, 694).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma