67
Lemos, na Santa Misa, un texto do Evanxeo segundo san Xoán: a escena da curación milagrosa do cego de nacemento. Penso que todos nos conmovemos unha vez máis ante o poder e a misericordia de Deus, que non mira indiferente a desgraza humana. Mais agora quixera fixarme noutros matices: concretamente, para que vexamos que, cando hai amor de Deus, o cristián tampouco se sente indiferente ante a sorte dos outros homes, e sabe tamén tratar a todos con respecto; e que, cando ese amor esmorece, existe o perigo dunha invasión, fanática e desapiadada, na conciencia dos demais.
Ao pasar —di o Santo Evanxeo— viu Xesús a un home cego de nacemento1. Xesús que pasa. Con frecuencia me teño marabillado ante esta forma sinxela de relatar a clemencia divina. Xesús pasa e decátase de seguido da súa dor. Considerade, en cambio, que distintos eran daquela os pensamentos dos discípulos. Pregúntanlle: Mestre, que pecados son a causa de que este nacese cego, os seus ou os dos seus pais? 2.
Os falsos xuízos
Non nos debemos estrañar de que moitos, tamén xentes que se teñen por cristiás, se comporten de xeito parecido: imaxinan, antes que nada, o mal. Sen proba ningunha, presupóñeno; e non só o pensan, senón que se atreven a expresalo nun xuízo aventurado, diante da multitude.
A conduta dos discípulos podería, benevolamente, ser cualificada de desaprehensiva. Naquela sociedade —coma hoxe: nisto pouco cambiou— había outros, os fariseos, que facían desa actitude unha norma. Lembrade de que maneira Xesucristo os denuncia: veu Xoán que non come nin bebe, e din: está posuído do demo. Veu o Fillo do Home, que come e bebe, e murmuran: velaquí un home voraz e bebedor, amigo de publicanos e pecadores3.
Ataques sistemáticos á fama, denigración da conduta íntegra: esta crítica mordaz e punzante sufriuna Xesucristo, e non é raro que algúns reserven o mesmo sistema a aqueles que, conscientes das súas lóxicas e naturais miserias e erros persoais, miúdos e inevitables —engadiría— dada a humana debilidade, desexan seguir o Mestre. Mais a comprobación desas rea-lidades non nos debe levar a xustificar tales pecados e delitos —chámaselles rexoubas, con sospeitosa comprensión— contra o bo nome de ninguén. Xesús anuncia que se ao pai de familia lle alcumaron Belcebú, non é de esperar que se conduzan mellor cos da súa casa4; pero aclara tamén que quen lle chame parvo ao seu irmán, será reo do lume do inferno5.
Onde nace esta apreciación inxusta cos demais? Parece como se algúns tivesen postas continuamente unhas anteolleiras, que lles alterasen a vista. Non estiman, por principio, que sexa posible a rectitude ou, polo menos, a loita constante por comportárense ben. Reciben todo, como di o antigo adaxio filosófico, segundo o recipiente: na súa previa deformación. Para eles, ata o máis recto, reflicte —a pesar de todo— unha postura torcida que, hipocritamente, adopta aparencia de bondade. Cando descobren claramente o ben, escribe san Gregorio, escudriñan para examinar se hai ademais algún mal oculto6.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/67/ (14-12-2025)