68

É difícil facerlles entender a esas persoas, nas que a deformación se converte case nunha segunda natureza, que é máis humano e máis verídico pensar ben do próximo. Santo Agostiño recomenda o seguinte consello: procurade adquirir as virtudes que credes que faltan nos vosos irmáns, e xa non veredes os seus defectos, porque non os teredes vós7. Para algúns, este xeito de proceder identifícase coa inxenuidade. Eles son máis realistas, máis razoables.

Erixindo en norma de xuízo o prexuízo, ofenderán a calquera antes de escoitar razóns. Despois, obxectivamente, bondadosamente, quizais concederán ao inxuriado a posibilidade de defenderse: contra toda moral e dereito, porque, en lugar de cargar eles coa proba da suposta falta, concedenlle ao inocente o privilexio da demostración da súa inocencia.

Non sería sincero se non vos confesase que as anteriores consideracións son algo máis ca unha rápida ollada de tratados de dereito e moral. Fundaméntanse nunha experiencia que viviron non poucos na súa propia carne; o mesmo ca outros moitos foron, con frecuencia e durante longos anos, a diana de exercicios de tiro de murmuracións, de difamación, de calumnia. A graza de Deus e un natural nada rancoroso fixo que todo iso non lles deixase o menor rastro de amargura. Mihi pro mi nimo est, ut a vobis iudicer8, impórtame moi pouco o ser xulgado por vós, poderían dicir con san Paulo. Ás veces empregando palabras máis correntes, engadirían que todo iso llessaíu sempre polo valor dunha palla. Esa é a verdade.

Por outra banda, así e todo, non podo negar que a min me causa tristeza a alma do que ataca inxustamente a honradez allea, porque o inxusto agresor se afunde a si mesmo. E sufro tamén por tantos que, ante as acusacións arbitrarias e desaforadas, non saben onde pór os ollos: están aterrados, non as cren posibles, pensan se será todo un pesadelo.

Hai uns días liamos na Epístola da Santa Misa o relato de Susana, aquela muller casta, falsamente incriminada de falta de honestidade por dous vellos corrompidos. Rompeu a chorar Susa-na e contestou aos seus acusadores: por todas partes síntome en angustia; porque se fago o que me propoñedes, virá sobre min a morte; e se me nego, non escaparei das vosas mans9. Cantas veces a insidia dos envexosos e os argalleiros coloca, a moitas criaturas limpas, na mesma situación! Ofréceselles esta alternativa: ofender o Señor ou ver denigrada a súa honra. A única solución nobre e digna é, ao tempo, extremadamente dolorosa, e han resolver: prefiro caer sen culpa nas vosas mans a pecar contra o Señor10.

Notas
7

Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 30, 2, 7 (PL 36, 243).

8

1 Cor IV, 3.

9

Dan XIII, 22.

10

Dan XIII, 23.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma