69

Dereito á intimidade

Volvamos á escena da curación do cego. Xesucristo replicoulle aos seus discípulos que aquela desgraza non é consecuencia do pecado, senón ocasión para que se manifeste o poder de Deus. E, con marabillosa sinxeleza, dicide que o cego vexa.

Comeza entón, xunto coa felicidade, o tormento daquel home. Non o deixarán en paz. Primeiro son os veciños e os que antes o viran pedir esmola11. O Evanxeo non nos conta que se alegrasen senón que non acertaban a dar creto, malia que o cego insistía en que ese, que antes non vía e agora ve, é el mesmo. En lugar de permitirlle gozar serenamente daquela graza, lévano aos fariseos, que lle preguntan de novo como foi. E el responde por segunda vez: puxo lama nos meus ollos, laveime e vexo12.

E os fariseos queren demostrar que o que pasou, un ben e un  grande milagre, non pasou. Algúns válense de razoamentos mesquiños, hipócritas, moi pouco ecuánimes: curou en sábado e, como traballar en sábado está prohibido, negan o prodixio. Outros inician o que hoxe se chama unha enquisa. Van onde os pais do cego: é este o voso fillo, de quen vós dicides que naceu cego? Pois, como ve agora? 13. O medo aos poderosos induce a que os pais contesten cunha proposición, que reúne todas as garantías do método científico: sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego; mais como agora ve non o sabemos, nin tampouco sabemos quen lle abriu os ollos. Preguntádello a el: xa é maior e dará conta de si14.

Os que realizan a enquisa non poden crer, porque non queren crer. Chamáronlle outra vez ao que fora cego e dixéronlle: ... nós sabemos que ese home —Xesucristo— é un pecadento15.

Con poucas palabras o relato de san Xoán exemplifica aquí un modelo de atentado tremendo contra o dereito básico, que por natureza nos corresponde a todos, de ser tratados con respecto.

O tema segue sendo actual. Non custaría ningún traballo sinalar, nesta época, casos desa curiosidade agresiva que conduce a pescudar de xeito morboso na vida privada dos demais. Un mínimo sentido da xustiza esixe que, incluso na investigación dun presunto delito, se proceda con cautela e moderación, sen tomar por certo o que só é unha posibilidade. Compréndese claramente ata que punto a curiosidade malsá por destripar o que non só non é un delito, senón que pode ser unha acción honrosa, deba cualificarse como perversión.

Fronte aos negociadores da sospeita, que dan a impresión de organizar unha trata da intimidade, é preciso defender a dignidade de cada persoa, o seu dereito ao silencio. Nesta defensa adoitan coincidir todos os homes honrados, sexan ou non cristiáns, porque se ventila un valor común: a lexítima decisión de ser un mesmo, a non se exhibir, a conservar en xusta e pudorosa reserva as súas alegrías, as súas magoas e as dores de familia; e sobre todo, a facer o ben sen espectáculo, a axudar por puro amor aos necesitados, sen a obriga de publicar esas tarefas en servizo dos demais e, moito menos, de poñer ao descuberto a intimidade da súa alma ante a mirada indiscreta e retorta de xentes que nada acadan, nin desexan acadar de vida interior, se non é para se mofar sen piedade.

Pero, que difícil resulta verse libre desa agresividade osmona! Os métodos, para non deixar o home tranquilo, multiplicáronse. Refírome aos métodos técnicos, e tamén a sistemas de argumentar aceptados, contra os que é difícil enfrontarse cando se desexa conservar a reputación. Así, pártese ás veces de que todo o mundo actúa mal; polo tanto, con este errado xeito de discorrer, parece inevitable o meaculpismo, a autocrítica. Se  un non bota sobre si unha tonelada de limo, deducen que, ademais de malo rematado, é hipócrita e fachendoso.

Por veces, procédese doutro modo: o que fala ou escribe, calumniando, está disposto a admitir que sodes un individuo íntegro, pero que outros quizais non farán o mesmo, e poden publicar que es un ladrón: como demostras que non es un ladrón? Ou ben: vostede afirmou incansablemente que a súa conduta é limpa, nobre, recta. Molestaríalle considerala de novo, para comprobar se —pola contra— esa conduta súa é se cadra sucia, innobre ou revirada?

Notas
11

Ioh IX, 8.

12

Ioh IX, 15.

13

Ioh IX 19.

14

Ioh IX, 20-21.

15

Ioh IX, 24.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma