70

Non son exemplos imaxinarios. Estou persuadido de que calquera persoa, ou calquera institución con algunha sona, podería aumentar a casuística. Creouse nalgúns sectores a falsa mentalidade de que o público, o pobo ou como queiran chamalo, ten dereito a coñecer e a interpretar os pormenores máis íntimos da existencia dos demais.

Permitídeme unhas palabras sobre algo que está ben unido á miña alma. Desde hai máis de trinta anos, teño dito e escrito en mil formas diversas que o Opus Dei non busca ningunha finalidade temporal, política; que persegue só e exclusivamente difundir, entre multitudes de todas as razas, de todas as condicións sociais, de todos os países, o coñecemento e a práctica da doutrina salvadora de Cristo: contribuír a que haxa máis amor de Deus na terra e, polo tanto, máis paz, máis xustiza entre os homes, fillos dun só Pai.

Moitos milleiros de persoas —millóns—, en todo o mun-do, entendérono. Outros, máis ben poucos, polos motivos que sexan, parece que non. Se o meu corazón está moi preto dos primeiros, honro e amo tamén os outros, porque en todos é respectable e estimable a súa dignidade, e todos están chamados á gloria de fillos de Deus.

Pero nunca falta unha minoría sectaria que, sen entender o que eu e tantos amamos, querería que llo explicásemos de acordo coa súa mentalidade: exclusivamente política, allea ao sobrenatural, atenta unicamente ao equilibrio de intereses e de presións de grupos. Se non reciben unha explicación así, errada e amañada ao seu gusto, seguen a pensar que hai mentira, ocultación, plans sinistros.

Deixade que vos descubra que, ante eses casos, nin me entristezo nin me preocupo. Engadiría que me divirto, se puidese pasar por alto que cometen unha ofensa ao próximo e un pecado, que clama a Deus. Son aragonés e, ata no humano do meu carácter, amo a sinceridade: sinto unha repulsión instintiva por todo o que supoña amaños. Sempre procurei contestar coa verdade, sen prepotencia, sen orgullo, aínda que os que calumniaban fosen mal educados, fachendosos, hostís, sen o máis mínimo sinal de humanidade.

Veume á memoria con frecuencia a resposta do cego de nacemento aos fariseos, que preguntaban por innúmera vez como sucedera o milagre: díxenvoloxa e non o escoitastes. Para que o queredes escoitar de novo? Será que tamén vosoutros queredes facervos discípulos seus? 16.

Notas
16

Ioh IX, 27.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma