71

Colirio nos ollos

O pecado dos fariseos non consistía en non ver en Cristo a Deus, senón en pecharse voluntariamente en si mesmos; en non tolerar que Xesús, que é a luz, lles abrise os ollos17. Este pechamento ten resultados inmediatos na vida de relación cos nosos semellantes. O fariseo que, créndose luz, non deixa que Deus lle abra os ollos, é o mesmo que tratará soberbia e inxustamente ao próximo: eu douche grazas de que non son coma os outros homes, que son ladróns, inxustos, adúlteros, nin tampouco coma este publicano18, reza. E ao cego de nacemento, que persiste en contar a verdade da cura milagrosa, oféndeno: saíches do ventre da túa nai envolto en pecados, e ti dásnos leccións? E bo-tárono fóra19.

Entre os que non coñecen a Cristo hai moitos homes honrados que, por elemental miramento, se saben comportar delicadamente. Son sinceros, cordiais, educados. Se eles e mais nós non nos opoñemos a que Cristo cure a cegueira que aínda queda nos nosos ollos, se permitimos que o Señor nos aplique esa lama que, nas súas mans, se converte no colirio máis eficaz, percibiremos as realidades terreas e albiscaremos as eternas cunha luz nova, coa luz da fe: adquiriremos unha mirada limpa.

Esta é a vocación do cristián: a plenitude da caridade que é paciente, benfeitora, non ten envexa, non actúa temerariamente, non se ensoberbece, non é ambiciosa, non é interesada, non se alpo-riza, non pensa mal, nin se gaba da inxustiza, comprácese na verdade, acomódase a todo, cre todo, espera todo, atúrao todo20.

A caridade de Cristo non é só un bo sentimento con relación ao próximo; non queda no gusto pola filantropía. A caridade, infundida por Deus na alma, transforma desde dentro a intelixencia e a vontade: fundamenta sobrenaturalmente a amizade e a ledicia de obrar ben.

Contemplade a escena da curación do coxo, que nos contan os Feitos dos Apóstolos. Subían Pedro e mais Xoán ao templo e, ao pasar, atopan un home sentado á porta; era coxo desde o seu nacemento. Todo lembra aqueloutra curación do cego. Pero agora os discípulos non pensan que a desgraza se deba aos pecados persoais do eivado ou ás faltas dos seus pais. E dinlle: no nome de Xesucristo Nazareno, érguete e camiña21. Antes rebordaban incomprensión, agora misericordia; antes xulgaban temerariamente, agora curan milagrosamente no nome do Señor. Sempre Cristo, que pasa! Cristo, que segue a pasar polas rúas e polas prazas do mundo, a través dos seus discípulos, os cristiáns: pídolle afervoadamente que pase pola alma dalgúns dos que me están a escoitar nestes momentos.

Notas
17

Cfr. Ioh IX, 39-41.

18

Lc XVIII, 11.

19

Ioh IX, 34.

20

1 Cor XIII, 4-7.

21

Act III, 6.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma