72

Respecto e caridade

Sorprendíanos ao principio a actitude dos discípulos de Xesús ante o cego de nacemento. Movíanse na liña dese refrán desgraciado: pensa mal e acertarás. Despois, cando coñecen máis o Mestre, cando se decatan do que significa ser cristián, as súas opinións están inspiradas na comprensión.

En calquera home —escribe san Tomé de Aquino— existe algún aspecto polo que os outros o poden considerar como superior, conforme ás palabras do Apóstolo “levados pola humildade téndeos os uns aos outros por superiores” (Phil II, 3). Segundo isto, todos os homes deben honrarse mutuamente22. A humildade é a virtude que leva a descubrir que as mostras de respecto pola persoa — polo seu honor, pola súa boa fe, pola súa intimidade— non son convencionalismos exteriores, senón as primeiras manifestacións da caridade e da xustiza.

A caridade cristiá non se limita a socorrer ao necesitado de bens económicos; diríxese, antes que nada, a respectar e comprender a cada individuo en canto tal, na súa intrínseca dignidade de home e de fillo do Creador. Por iso, os atentados á persoa —a súa reputación, ao seu honor— denotan, en quen os comete, que non profesa ou non practica algunhas verdades da nosa fe cristiá, e en calquera caso a carencia dun auténtico amor de Deus. A caridade pola que amamos a Deus e o próximo é a mesma virtude, porque a razón de amar o próximo é precisamente Deus, e amamos a Deus cando amamos o próximo con caridade23.

Espero que sexamos quen de tirar consecuencias moi concretas deste tempo de conversación, na presenza do Señor. Principalmente o propósito de non xulgar os demais, de non ofender nin tan sequera coa dúbida, de afogar o mal coa abundancia de ben, sementando ao noso redor a convivencia leal, a xustiza e a paz.

E a decisión de non nos entristecer nunca, se a nosa condu-ta recta é mal entendida por outros; se o ben que —coa continua axuda do Señor— procuramos realizar, é interpretado de xeito torcido, atribuíndonos, a través dun ilícito proceso ás intencións, designios de mal, conduta dolosa e simuladora. Perdoemos sempre, co sorriso nos beizos. Falemos claramente, sen  rancor, cando pensemos en conciencia que debemos falar. E deixemos todo nas mans do Noso Pai Deus, cun divino silencio —Iesus autem tacebat24, Xesús calaba—, cando se trata de ataques persoais, por brutais e indecorosos que sexan. Preo-cupémonos só de facer boas obras, que El se encargará de que brillen diante dos homes25.

Notas
22

San Tomé de Aquino, S. Th., II-II, q. 103, a. 2 ad 3.

23

San Tomé de Aquino, S. Th., II-II, q. 103, a. 3 ad 2.

24

Mt XXVI, 63.

25

Mt V, 16.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma