73

Como toda festa cristiá, esta que celebramos é especialmente unha festa de paz. Os ramos, co seu antigo simbolismo, evocan aquela escena do Xénese: Noé esperou outros sete días e, ao cabo deles, soltou outra vez a pomba, que volveu a el á tardiña, traendo no peteiro unha poliña verde de oliveira. Coñeceu, por isto, Noé que as augas xa non cubrían a terra1. Agora lembramos que a alianza entre Deus e o seu pobo é confirmada e restablecida en Cristo, porque El é a nosa paz2. Nesa marabillosa unidade e recapitulación do vello no novo, que caracteriza a liturxia da nosa Santa Igrexa Católica, lemos no día de hoxe estas verbas de fonda ledicia: os fillos dos hebreos, levando ramos de oliveira saíron ao encontro do Señor, clamando e dicindo: Gloria nas alturas3.

A aclamación a Xesucristo enlaza na nosa alma coa que saudou o seu nacemento en Belén. Mentres Xesús pasaba, conta san Lucas, as xentes deitaban os seus vestidos polo camiño. E estando xa preto á baixada do monte das Oliveiras, os discípulos en grande número, transportados de gozo, comezaron a loar a Deus en voz alta por todos os prodixios que tiñan visto: bendito sexa o Rei que vén no nome do Señor, paz no ceo e gloria nas alturas4.

Paz na terra

Pax in caelo, paz no ceo. Pero miremos tamén o mundo: por que non hai paz na terra? Non; non hai paz; só hai aparencia de paz, equilibrio de medo, compromisos precarios. Non hai paz tampouco na Igrexa, sucada por tensións que rachan a branca túnica da Esposa de Cristo. Non hai paz en moitos corazóns, que intentan en van compensar a intranquilidade da alma cunha trasfega continua, coa pequena satisfacción de bens que non sacian, porque deixan sempre o amargo sabor da tristeza.

As follas de palma, escribe santo Agostiño, son símbolo de homenaxe porque significan vitoria. O Señor estaba a piques de vencer, morrendo na Cruz. Ía triunfar, no signo da Cruz, sobre o Diabo, príncipe da morte5. Cristo é a nosa paz porque venceu; e venceu porque loitou, no duro combate contra a acumulada maldade dos corazóns humanos.

Cristo, que é a nosa paz, é tamén o Camiño6. Se queremos paz, temos que seguir as súas pegadas. A paz é consecuencia da guerra, da loita, desa loita ascética, íntima, que cada cristián debe soster contra todo o que, na súa vida, non é de Deus: contra a soberbia, a sensualidade, o egoísmo, a superficialidade, a estreiteza de corazón. É inútil clamar polo sosego exterior se falta tranquilidade nas conciencias, no fondo da alma, porque do corazón é de onde saen os malos pensamentos, os homicidios, os adulterios, as fornicacións, os furtos, os falsos testemuños, as blasfemias7.

Notas
1

Gen VIII, 10-11.

2

Eph II, 14.

3

Antífona na distribución dos ramos.

4

Lc XIX, 36-38.

5

Santo Agostiño, In Ioannis Evangelium tractatus, 51, 2 (PL 35, 1764).

6

Cfr. Ioh XIV, 6.

7

Mt XV, 19.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma