74

Loita, compromiso de amor e de xustiza

Pero esta linguaxe, non resulta xa anticuada? Acaso non foi substituída por un idioma de ocasión, de claudicacións per-soais encubertas cunha roupaxe pseudocientífica? Non existe un acordo tácito en que os bens reais son: o diñeiro que todo o compra, o poderío temporal, a astucia para quedar sempre por riba, a sabedoría humana que se define a si mesma adulta, que pensa que xasuperara o sacro?

Non son, nin fun nunca pesimista, porque a fe me di que Cristo venceu definitivamente e deunos, como peñor da súa conquista, un mandato, que é tamén un compromiso: loitar. Os cristiáns temos un empeño de amor, que aceptamos libremente, ante a chamada da graza divina: unha obriga que nos anima a pelexar con tenacidade, porque sabemos que somos tan fráxiles coma os demais homes. Mais ao mesmo tempo non podemos esquecer que, se poñemos os medios, seremos o sal, a luz e o fermento do mundo: seremos o consolo de Deus.

O noso ánimo de perseverar con tesón neste propósito de Amor é, ademais, deber de xustiza. E a materia desta esixencia, común a todos os fieis, concrétase nunha batalla constante. Toda a tradición da Igrexa falou dos cristiáns como de milites Christi, soldados de Cristo. Soldados que lles levan a serenidade aos demais, mentres combaten continuamente contra as persoais malas inclinacións. Ás veces, por escaseza de sentido sobrenatural, por unha descrenza práctica, non se quere entender nada da vida na terra como milicia. Insinúan maliciosamente que, se nos consideramos milites Christi, cabe o perigo de utilizar a fe con fins temporais de violencia, de bandos. Este xeito de pensar é unha triste simplificación pouco lóxica, que adoita ir unida á comodidade e á covardía.

Nada máis arredado da fe cristiá que o fanatismo, co que se presentan as estrañas maridaxes entre o profano e o espiritual, sexan do signo que sexan. Este perigo non existe se a loita se entende como Cristo nos aprendeu: como guerra de cada un consigo mesmo, como esforzo sempre renovado de amar máis a Deus, de desterrar o egoísmo, de servir a todos os homes. Renunciar a esta contenda, coa escusa que sexa, é declararse derrotado de antemán, aniquilado, sen fe, coa alma caída, esparexida en compracencias mesquiñas.

Para o cristián, o combate espiritual diante de Deus e de todos os irmáns na fe, é unha necesidade, unha consecuencia da súa condición. Por iso, se alguén non loita, está facendo traizón a Xesucristo e a todo o seu corpo místico, que é a Igrexa.

Este punto noutro idioma