75
Loita incesante
A guerra do cristián é incesante, porque na vida interior dáse un perpetuo comezar e recomezar, que impide que, con soberbia, nos imaxinemos case perfectos. Non se pode evitar que haxa moitas dificultades no noso camiño; se non atopásemos atrancos, non seriamos criaturas de carne e óso. Sempre teremos paixóns que nos tiren cara a abaixo, e sempre teremos que nos defender contra eses delirios máis ou menos vehementes.
Advertir no corpo e na alma o aguillón da soberbia, da sensualidade, da envexa, da preguiza, o desexo de someter os demais, non debería significar un descubrimento. É un mal antigo, sistematicamente confirmado pola nosa persoal experiencia; é o punto de partida e o ambiente habitual para gañar na nosa carreira cara á casa do Pai, neste íntimo deporte. Por iso ensina san Paulo: eu vou correndo, non coma quen corre á ventura, non coma quen da golpes no aire, senón que castigo o meu corpo e o escravizo, non sexa que tendo predicado aos outros, veña eu ser reprobado8.
O cristián non debe esperar, para iniciar ou soster esta con tenda, manifestacións exteriores ou sentimentos favorables. A vida interior non é cousa de sentimentos, senón de graza divina e de vontade, de amor. Todos os discípulos foron capaces de seguir a Cristo no seu día de triunfo en Xerusalén, pero case todos o abandonaron á hora do oprobio da Cruz.
Para amar de verdade é preciso ser forte, leal, co corazón firmemente ancorado na fe, na esperanza e na caridade. Só a lixeireza insubstancial cambia ao seu antollo o obxecto dos seus amores, que non son amores senón compensacións egoístas. Cando hai amor, hai enteireza: capacidade de entrega, de sacrificio e de renuncia. E, no medio da entrega, o sacrifico e a renuncia, co suplicio da contradición, a felicidade e a ledicia. Unha ledicia que nada nin ninguén nos poderá quitar.
Neste torneo de amor non nos deben entristecer as caídas, nin aínda as caídas graves, se acudimos a Deus con dor e bo propósito no sacramento da Penitencia. O cristián non é un maníaco coleccionista dunha folla de servizos inmaculada. Xe sucristo Noso Señor conmóvese moito coa inocencia e fidelidade de Xoán e, despois da caída de Pedro, énchese de tenrura co seu arrepentimento. Xesús comprende a nosa debilidade e atráenos ao seu carón, como a través dun plano inclinado, desexando que saibamos insistir no esforzo de subir un pouco, día a día. Búscanos, como buscou os dous discípulos de Emaús, saíndolles ao encontro; como buscou a Tomé e lle ensinou, e fixo que as tocase cos seus dedos, as chagas abertas nas súas mans e no seu costado. Xesucristo sempre está esperando que volvamos a El, precisamente porque coñece a nosa debilidade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/75/ (14-12-2025)