76
A loita interior
76 Soporta as dificultades como bo soldado de Cristo Xesús9, dinos san Paulo. A vida do cristián é milicia, guerra, unha fermosísima guerra de paz, que en nada coincide coas empresas bélicas humanas, porque se inspiran nas divisións e moitas veces nos odios, e a guerra dos fillos de Deus contra o seu propio egoísmo, baséase na unidade e no amor. Vivimos na carne, pero non militamos segundo a carne. Porque as armas coas que combatemos non son carnais, senón fortaleza de Deus para destruír fortalezas, desartellando con elas os proxectos humanos, e toda altiveza que se levante contra a ciencia de Deus10. É a escaramuza sen tregua contra o orgullo, contra a prepotencia que nos dispón a obrar o mal, contra os xuízos fachendosos.
Neste Domingo de Ramos, cando o Noso Señor comeza a semana decisiva para a nosa salvación, deixémonos de consi-deracións superficiais, vaiamos ao central, ao que verdadeiramente é importante. Mirade: o que temos que pretender é ir ao ceo. Senón nada paga a pena. Para ir ao ceo é indispensa-ble a fidelidade á doutrina de Cristo. Para ser fiel, é indispensable porfiar con constancia na nosa contenda contra os atrancos que se opoñen á nosa eterna felicidade.
Sei que, axiña, ao falar de combater, pónsenos por diante a nosa debilidade, e prevemos as caídas, os erros. Deus conta con isto. É inevitable que, camiñando, levantemos po. Somos criaturas e estamos cheos de defectos. Eu diría que ten que habelos sempre: son sombra que, na nosa alma, consegue que destaquen máis, por contraste, a graza de Deus e o noso intento por corresponder ao favor divino. E ese claroscuro faranos humanos, humildes, comprensivos, xenerosos.
Non nos enganemos: na nosa vida, se contamos co brío e coas vitorias, deberemos contar con decaementos e con derrotas. Esa foi sempre a peregrinación terrea do cristián, tamén dos que veneramos nos altares. Lembrádesvos de Pedro, de Agostiño, de Francisco? Nunca me gustaron esas biografías de santos nas que, con inxenuidade, pero tamén con falta de doutrina, nos presentan as fazañas deses homes como se estivesen confirmados en graza desde o seo materno. Non. As verdadeiras biografías dos heroes cristiáns son como as nosas vidas: loitaban e gañaban, loitaban e perdían. E entón, contritos, volvían á loita.
Non nos estrañe que sexamos derrotados con relativa frecuencia, de ordinario e aínda sempre en materias de pouca importancia, que nos punzan coma se tivesen moita. Se hai amor de Deus, se hai humildade, se hai perseveranza e tenacidade na nosa milicia, esas derrotas non adquirirán importancia abonda. Porque virán as vitorias, que serán gloria aos ollos de Deus. Non existen os fracasos, cando se obra con rectitude de intención e querendo cumprir a vontade de Deus, contando sempre coa súa graza e coa nosa nada.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/76/ (14-12-2025)