77
Pero axéxanos un potente inimigo, que se opón ao noso desexo de encarnar completamente a doutrina de Cristo: a soberbia, que medra cando non intentamos descubrir, despois dos fracasos e das derrotas, a man benfeitora e misericordiosa do Señor. Entón a alma énchese de penumbras —de triste escuridade—, crese perdida. E a imaxinación inventa atrancos que non son reais, que desaparecerían se mirásemos só cun pouquiño de humildade. Coa soberbia e a imaxinación, a alma métese por veces en tortuosos calvarios; pero neses calvarios non está Cristo, porque onde está o Señor gózase de paz e de ledicia, aínda que a alma estea en carne viva e arrodeada de tebras.
Outro inimigo hipócrita da nosa santificación: o pensar que esta batalla interior se ten que dirixir contra obstáculos extraordinarios, contra dragóns que respiran lume. É outra manifestación de orgullo. Queremos loitar, pero estrondosamente, con clamores de trompetas e tremelar de estandartes.
Debemos convencernos de que o maior inimigo da rocha non é o pico ou a machada, nin o golpe de calquera outro instrumento, por contundente que sexa: é esa auga miúda, que se mete, pinga a pinga, entre as fendas da pena, ata arruinar a súa estrutura. O perigo máis forte para o cristián é desprezar a pelexa nesas escaramuzas, que penetran pouco a pouco na alma, ata volvela branda, crebadiza e indiferente, insensible ás voces de Deus.
Oiamos o Señor, que nos di: quen é fiel no pouco, tamén o é no moito, e quen é inxusto no pouco, tamén o é no moito11. Que é coma se nos lembrase: loita en cada instante neses detalles en aparencia miúdos, pero grandes para os meus ollos; vive con puntualidade o cumprimento do deber; sorrí a quen o necesite, aínda que ti teñas a alma dorida; dedica, sen releos, o tempo necesario á oración; acude en axuda de quen te busca, practica a xustiza, ampliándoa coa graza da caridade.
Son estas, e outras semellantes, as mocións que cada día sentimos dentro de nós, coma un aviso silandeiro que nos leva a exercitarnos neste deporte sobrenatural do propio vencemento. Que a luz de Deus nos alumee, para percibir as súas advertencias; que nos axude a pelexar, que estea ao noso carón na vitoria; que non nos abandone na hora da caída, porque deste xeito nos atoparemos sempre en condicións de erguérmonos e de seguir combatendo.
Non nos podemos deter. O Señor pídenos un batallar cada vez máis rápido, cada vez máis profundo, cada vez máis amplo. Estamos obrigados a superarnos, porque nesta competición a única meta é a chegada á gloria do ceo. E se non chegamos ao ceo, nada pagaría a pena.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/77/ (14-12-2025)